Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2012 | Actualizada ás 15:55
Tuenti, a principal rede social española, con máis de 14 millóns de usuarios, e principalmente utilizada pola xente nova, recibiu o I Premio Abertos ao Galego que pon en marcha a Mesa pola Normalización Lingüística.
A rede social incorporou a lingua galega no ano 2009, cando incorporou ao seu equipo un tradutor para manter e actualizar a versión desta rede social noso idioma, adiantándose a outras redes sociais foráneas como Facebook ou Twitter. Esta "unión de mocidade e novas tecnoloxías" fixeron que Tuenti sexa distinguida pola Mesa pola Normalización Lingüística.
A Mesa recoñece que a aposta de Tuenti polo galego "non só fornece actualizacións, senón que tamén da soporte na nosa lingua, o que fai imprescindíbel que teña no seu cadro de persoal traballadores que poidan dar o servizo de atención en galego".
Primeira edición
Esta é a primeira edición do Premio Abertos ao Galego, que ten como obxectivo contribuír a prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e animar ao conxunto da sociedade a que practique un consumo responsábel coa lingua e cultura do país. O Premio Abertos ao Galego nace baixo o proxecto do mesmo nome da Mesa pola Normalización Lingüística, un certificado de uso do idioma propio para empresas, desde o que se promoven iniciativas destinadas a apoiar e dinamizar o uso do galego no ámbito empresarial.
O xurado desta primeira edición de Abertos ao Galego estivo constituído por Evaristo Rodríguez Carracedo, en representación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Nel Vidal, pola Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística, e os membros da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística: Carlos Callón, Susana Romero, Carlos Outeiro, Iria Taibo e Paulo Filgueiras.
Este primeiro galardón entregarase o próximo 19 de decembro nun acto no Pazo da Pedreira de Pontevedra, organizado en colaboración do Concello desta cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.