Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2020 | Actualizada ás 12:24
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este martes que a Xunta impulse un "bono cultura" e "se incremente" a compra de libros e revistas para amortecer o efecto da crise provocada polo coronavirus.
Tras manter un encontro co sector do libro, a dirixente nacionalista apostou por establecer "as medidas necesarias" para que, unha vez que se "restableza a normalidade", apoiar un "sector fundamental no noso país" como é a cultura.
"Constatamos os problemas que viña arrastrando este sector despois dunha década de recortes", dixo, para advertir das consecuencias que se verán agravadas "se non se poñen en marcha medidas de apoio e investimento público moi potentes nos próximos meses".
Pontón manifestou que é "necesario fortalecer" a cultura para "xerar unha cidadanía crítica", pero tamén porque "é o 2% do PIB galego". "Cada euro de investimento en cultura, ten un retorno importante, de tres euros na nosa economía", manifestou.
Por iso, a dirixente nacionalista sinalou que, á hora de reactivar medidas sociais, "ten que haber medidas específicas para o ámbito da cultura" e "unha resposta potente das administracións públicas".
MEDIDAS E XACOBEO
Entre elas, reclamou un bono cultura, que se incremente a compra libros e revistas para as bibliotecas e que se "cre un plan de apoio ás librarías, para que ningunha peche pola crise do coronavirus", senón convertelas en "elementos de dinamización social e cultural".
Ademais, Pontón remarcou que "hai que pensar a medio prazo" e, por iso, advertiu de que o sector cultural galego ten que ter protagonismo no Xacobeo 2021. "Hai que redistribuír os fondos e o enfoque que estaba previsto para darlle encaixe ao sector cultural do noso país", aseverou.
TRANSICIÓN ENERXÉTICA
Doutra banda, o BNG considera "decepcionante" e un "mal precedente" para os retos "máis importantes" industriais que Galicia "ten por diante" o acordo asinado polo Goberno --Transición Ecolóxica e Traballo--, centrais sindicais (de ámbito estatal) e compañías titulares de centrais térmicas de carbón --Endesa, Iberdrola e Naturgy-- para consolidar as bases dos Convenios de Transición Xusta.
Así, os nacionalistas advirten de que Galicia está "afectada dunha forma transcendental" polas repercusións do peche de Meirama e As Pontes, sen que nestes anos, aseguran, Xunta ou Estado "traballasen a favor dunha alternativa". Neste sentido, o BNG considera que a folla de ruta asinada "ten moitas carencias que deberían ser corrixidas".
En primeiro lugar porque, afirma, "carece de compromisos". A este respecto, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinalou que a "emerxencia sanitaria non pode ser unha desculpa para minorar esforzos económico". "Ao contrario", di, a "necesidade de impulso económico é e será maior, máis aínda, tendo en conta que a crise da Covid-19 vén agravar a profunda crise industrial que xa estaba a vivir Galicia".
Así, o BNG sostén que, para que a transición enerxética sexa "realmente xusta", "non pode ser decidida desde os despachos de Madrid", coa "exclusión da representación galega", xa sexa no plano institucional, como é a Xunta, como no sindical, co sindicalismo nacionalista, que é "maioritario" en Galicia.
CIUDADANOS
Pola súa banda, Ciudadanos propuxo á Consellería do Medio Rural a creación dunha plataforma en liña que recolla a oferta e demanda de temporeiros para traballar na agricultura galega.
Nun comunicado emitido este martes, a portavoz da formación laranxa en Galicia, Beatriz Pino, manifestou que, co obxectivo de "buscar unha solución á falta de traballadores temporeros para as colleitas galegas", trasladaron unha carta ao conselleiro do Medio Rural, José González, na que expoñen a creación deste sistema.
Esta plataforma, segundo explica Cs, estaría orientada a "canalizar a demanda e a oferta de traballo" na agricultura galega que se enfronta ao problema da "falta de traballadores temporeiros para as colleitas".
"Hoxe, coas limitacións e a reducida mobilidade de traballadores dentro da Unión Europea, estes temporeiros non están a chegar e as colleitas vense ameazadas. A falta de man de obra non só nos enfronta ao desafío de deixar alimentos sen recoller nos campos e malgastar as producións no peor momento posible senón que tamén pode traer enormes perdas económicas para moitísimos agricultores e viticultores", indicou Pino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.