A Asociación para a Defensa da Sanidade pide que se lle faga a proba a todos os sanitarios

Aseguran que non ten sentido que "o señor Feijóo faga un estudo" con miles de probas, sen que se lle fagan test ao persoal sanitario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2020 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública remitiu unha carta ao xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, na que lle pregunta por que non se lle fai a proba de COVID-19 para o estudo epidemiolóxico aos traballadores do sistema sanitario e ao persoal non sanitario.

"Queriamos saber, se se vai a facer unha proba de COVID-19 a persoas de forma aleatoria para o estudo do señor Feijóo, por que non se lle fai a proba a traballadores do sistema sanitario público galego, especialmente aos que estamos en primeira liña da enfermidade, así como ao persoal non sanitario que tan bo labor está a realizar neste período de pandemia", sinala esta asociación na carta remitida o pasado 21 de abril e feita pública este xoves.

Ademais solicita á Xerencia do Sergas que informe "por concellos de como está a situación actual do coronavirus". "Solicitámolo para poder planificar a nosa atención aos nosos pacientes e para valorar as medidas a tomar para a desescalada que se pretende realizar", abundou.

Así mesmo, demandan ao Sergas "saber que pasou" coas conclusións dos traballos realizados polas 16 comisións técnicas do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia para a reforma deste nivel asistencial. "Consideramos de suma importancia que desde o Sergas nos conteste a estas tres preguntas fundamentais no futuro da sanidade pública galega", sinalou a asociación.

Unhas mans con luvas azuis suxeitan un test. CONCELLO DE ZARAGOZA
Unhas mans con luvas azuis suxeitan un test. CONCELLO DE ZARAGOZA | Fonte: MIGUEL G. GARCÍA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta