Reclaman que a Xunta interveña a residencia de Celanova ante a falta de atención a enfermos da COVID-19

A Federación REDE e familiares de usuarios da residencia denuncian que un grupo de persoas contaxiadas pola COVID-19 permanecen atendidos por auxiliares e xerocultoras supervisadas por un enfermeiro a media xornada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/04/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

Un comunicado da Federación REDE acusa de dez erros graves a xestión da residencia San Carlos en Celanova. Denuncian que o actual estado de dita residencia é de emerxencia sanitaria “tal e como indicaba a orde ministerial do 19 de marzo e as ratificacións nos sucesivos decretos do 23 de marzo e 4 de abril”.

Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- que está a ser desinfectada for efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Celanova (Ourense). Rosa Veiga - Europa Press
Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense -foco principal de contagios do Covid-19 ata agora na provincia galega- que está a ser desinfectada for efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Celanova (Ourense). Rosa Veiga - Europa Press

Tanto REDE como os familiares aos que apoia, piden a intervención do centro por parte da Xunta de Galicia “para garantir a atención sanitaria á que teñen dereito os nosos familiares”. A reclamación faixe ante a que consideran unha atención deficiente dos usuarios e usuarias en vista da gravidade que reviste a súa situación sanitaria.

Entre os dez erros apuntados no comunicado, figura o de deixar un grupo de persoas afectadas pola COVID-19 dentro da residencia, en oposición ás recomendacións de expertos para convertela nun espazo “limpo”. Tamén sinalan que non se atenderan as demandas das traballadoras pedindo máis persoal, logo de varias baixas por coronavirus entre o cadro de atención aos usuarios.

Máis incumprimentos das recomendacións dos expertos ao enviar desde o CHUO unha persoa contaxiada á residencia San Carlos, negando primeiro que se fixera ese traslado e recoñecéndoo 48 horas despois. Por outra parte, sinalan a incerteza creada entre os familiares de usuarios e traballadoras ante a falta de claridade nas informacións enviadas desde a dirección do centro, incluíndo neste punto as comunicacións coa residencia integrada de Baños de Molgas.

Reclaman que a dirección da residencia San Carlos estea baixo a supervisión dunha persoa do SERGAS. Ademais, lembran que non se realizou a segunda proba da COVID-19 ás traballadoras de baixa e que por “unha circunstancia afortunada, propiciada por un erro do SERGAS”, non se incorporaron oito traballadoras que podían estar contaxiadas.

Tanto a Federación REDE como os familiares que apoian o comunicado que se enviou sobre a residencia San Carlos, piden a intervención da Xunta nestas instalacións, tal e como xa se fixo en Cangas ou Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta