As palabras dun xeneral

Apenas un días despois de iniciado o confinamento recibín no meu teléfono un whatsapp. Era dunha persoa coa que apenas teño relación, unha amiga dun familiar, que vive en Estados Unidos, en concreto no barrio de Queens en Nova Iork, uns dos lugares con maior incidencia da pandemia.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 28/04/2020

Comparte esta noticia

Aquela mensaxe dicía: “Conseguiuse a cura para o virus ou o xeito de eliminalo. A información ven de Israel país avenzoado por Deus, alí este virus non causou ningunha preocupación…”. E logo seguía explicando que a formula milagrosa consistía en tomar limón e bicarbonato en auga quente…

Bulo sobre o uso de máscaras no hospital de Ourense
Bulo sobre o uso de máscaras no hospital de Ourense | Fonte: maldita.es

Unhas risas na casa. Unha broma…

Días despois un coñecido reenvíame outro mensaxe sobre o mesmo tema. Esta vez un suposto “Centro de Viroloxía de Moscú” recomendaba, para inmunizarse, a inxesta de alimentos alcalinos ao obxecto de subir o nivel de PH…  comer a fartar mango, piña, mandarina...
Un e outro, claro está, son bulos, historias que circulan polas redes sociais. Eu as tomo como bobadas ás que non fago caso, pero… fai o mesmo todo o mundo?.


As risas que nos provocaban esas mensaxes acabaron ben pronto. Polas mesmas datas distintos medios, por exemplo El Periódico de Barcelona, facíanse eco de centos de mortes en Irán, un dos primeiros países afectados pola pandemia, a causa do consumo de alcohol, adulterado, despois de que en redes sociais se difundirán novas que falaban das propiedades sanadoras ante o virus. A combinación de pánico á enfermidade, a escasa formación e a falta de escrúpulos por parte de bandas criminais combinaron de forma mortífera.

Tal vez aquí sexa común pensar que esas cousas non nos pasa… que iso só acontece en sociedades atrasadas, con baixos niveis culturais. Claro, claro. Agora só temos que explicar porque entre nos, tan avanzados, tan europeos, tan brancos, tan cultos, proliferan as páxinas e as mensaxes nas redes sociais dos antivacinas, ou os sitios web e as mensaxes que fan apostolado pola anorexia, causando estragos entre adolescentes…

A pregunta que me fago é: son os bulos liberdade de expresión ou son outra cousa?. Hai que defender o dereito dalgúns a enganar a outros, a xogar coa falta de formación, que non é mais que unha forma de indefensión...  é iso liberdade de expresión, liberdade de información…?.
Paga a pena sentarse un rato e reflexionar sobre o asunto. Uns exemplos mais para ilustrar a cuestión, feitos reais tomados do último libro de Jaron Lanier, un experto mundial en realidade virtual, “Dez razóns para borrar as túas redes sociais de inmediato”  (Debate, 2018), apoiado en información extraída de reportaxes do New York Times, The Whashington Post ou o Consello de Seguridade das Nacións Unidas: o xenocidio contra o pobo rohinyá en Birmania, as matanzas en Sudán do Sur ou os asasinatos de persoas acusadas falsamente de secuestro de nenos na India. En todos os casos os feitos foron precedidos, de forma premeditada os mais dos casos, de novas falsas, fake news, campañas nas redes sociais nas que se acusaba a minorías éticas de barbaridades.

Entre nos, estes días, abundan nas redes sociais informacións falsas que culpabilizan a persoas de etnia xitana de extender de forma consciente o virus... audios de whatsapp que se difunden de forma vertixinosa entre grupos, con barbaridades de todo tipo. Libertade de expresión?.
As veces os bulos só causan sonrisas, cando non risas. Ás veces os bulos nas redes son como berrar: Lume, lume! as catro da mañá nunha discoteca ateigada de xente.

Son os bulos un dereito, repito a pregunta?.

As declaracións do xeneral da Garda Civil José Manuel Santiago, na roda de prensa na que se da conta dos últimos datos sobre a pandemia, segundo as cales o corpo que representa traballa en “evitar o estrés social que producen os bulos “ e “minimizar o clima contrario á xestión da crise por parte do goberno” foron interpretadas pola extrema dereita e a dereita extrema como o recoñecemento explícito das prácticas escuras que o goberno do Estado esta levando a cabo. Aos voceiros de VOX e do PP faltoulle tempo para falar de “golpe de Estado” (creo que o sexto que promove Pedro Sánchez nos meses que levamos de lexislatura…), ataque á liberdade de expresión, á liberdade de información, etc., etc., etc… A estas alturas xa  nos sabemos de arriba a abaixo o argumentario contra o goberno que utilizan.

É evidente o que quería dicir o xeneral Santiago. Só interesadamente poden interpretar as frases pronunciadas como un recoñecemento de que se está coartado a liberdade para criticar a acción do goberno, ou se pretenda facer tal. Un non ten mais que encender a televisión e pasar canais, en todos eles, incluídos os medios públicos, aos líderes das dereitas criticar ao goberno, un día si e outro tamén. Non hai mais que botar unha ollada ás portadas dos xornais para darse conta que, en xeral, o que mais abundan son as críticas ao goberno. Difícil argumentar, con datos, con probas, que exista un déficit de liberdades, un déficit de información neste país. A dereitas fan moito ruído a costa dunha idea mal expresada por un militar. Moito ruído, pero ningún argumento, ningunha proba.

Un entende perfectamente que os voceiros de VOX boten a man ao cinto si se fala de perseguir os bulos e as mentiras que circulan por internet. Si non poder difundir bulos que cousa van facer?. Un partido que se sustenta na mentira, no engano, como non vai defender o seu dereito a mentir e a enganar, con uñas e dentes, e, sen dúbida, se fora necesario con bates de beisbol e puños americanos, metafóricamente falando, recuperando as mellores tradicións da extrema dereita española!. O acoso dos medios pagados por VOX ao xeneral Santiago non deixa de ser un dos temas do primeiro curso para sacarse o título de fascista: amedrenta a quen se opoña os teus intereses…

As declaracións da portavoz do PP, Cayetana Álvarez de Toledo y Peralta-Ramos, marquesa de Casa Fuerte, si que teño que dicir que me chegan á alma… esa actuación tan sentida ante as cámaras case me convence, si estivéramos nun teatriño na rúa.

Un entende que o Partido Popular llas teña gardadas á Garda Civil. Nunca lle van perdoar que os axentes da Unidade Central Operativa sentaran ante os xuíces a tantos dirixentes populares. A vinganza é un motor poderoso, alimentado polo rencor.

A defensa da liberdade de expresión e do dereito a información que co corazón na man, e a voz rota por dor democrático, invoca Álvarez de Toledo acaba sonando a falsa por tanta sobreactuación. Casa mal co facer diario do Partido Popular, especialista en perseguir titiriteiros, rapeiros, poetas e calquera outro que non comulgue co seu credo. Casan mal os arrebatos prodemocracia de Cayetana coas perigosas amizades que acompañan aos populares españoles por Europa adiante. Recordemos que o Partido Popular español, con Pablo Casado en primeira liña, é un dos maiores apoios internacionais cos que conta Viktor Orban, o autoritario presidente de Hungría, onde co seu partido, o Fidesz, ten emprendido unha labor metódica de acoso á independencia do poder xudicial, á liberdade de expresión, a liberdade de información, persecución de inmigrantes, atropelo da autonomía universitaria,  menoscabo do parlamento… un verdadeiro acoso ás bases dun Estado democrático en resumo. Todo recoñecido, incluso, o propio Partido Popular Europea, no que a participación do Fidesz atópase suspendida polo constante ataque ás liberdades no seu país.

A Garda Civil e a Policía Nacional teñen que facer o seu traballo, aínda que á dereita extrema e á extrema dereita lle pese. Difundir bulos non é un dereito, divulgar mentiras co fin de socavar a loita contra a pandemia, co único obxecto de sacar réditos partidistas,  non é un dereito. Si é un dereito que a cidadanía, cando Garda Civil e Policía Nacional atopen as mans que moven eses fíos de desinformación, coñeza quen está detrás, Ese si é dereito á información.

Neste conflito tan irreal e tan interesadamente esaxerado polos medios reaccionarios si hai algo sobre o que tal vez debería recapacitar o goberno, como se ten apuntado por parte de forzas políticas e medios de comunicación de carácter progresista. A cuestión non é outra que a participación nas roldas de prensa diarias de altos mandos do exército, da policía e da Garda Civil. Pode ser que esa participación sexa unha forma de recoñecemento público, ben merecido, ao papel que as policías e os militares desenvolven nesta situación de crise. Pero a miña opinión é que esa participación debería limitarse. Estou convencido que esa exposición diaria acaba por ser contraproducente. Acábase poñendo no punto de mira partidaria a quenes deben estar por riba das loitas políticas.

Creo que a presencia deses altos mandos debería reducirse a aqueles momentos nos que fora realmente necesaria. A información que hoxe subministran ben pode dala algún responsable político dos diferentes corpos: temos unha directora xeral da Garda Civil, temos un director xeral da Policía Nacional, un secretario de Estado de Seguridade; o Ministerio de Defensa conta cunha dirección xeral ocupada da información e as relacións públicas… Son estes, chegado caso os que deben recibir as críticas… e respondelas. Non nos esquezamos: militares e policías fan o seu traballo, cumprindo ordenes. E son os responsables políticos os que teñen que dar conta das ordenes que policías e militares reciben e a forma na que estas se cumpren.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recuros Humanos, a Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é vicexerente para o campus de Lugo, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.