Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/04/2020 | Actualizada ás 13:30
Estes días a Xunta ven de autorizar a caza do xabarín en pleno Estado de Elarma pola crise sanitaria. Unha autorización que non convence aos ecoloxistas que, como EQUO Galicia, acaban de pedirlle ao Goberno galego que faga públicos os informes técnicos que avalan esa decisión.
“Pensamos que esta é unha medida indignante deseñada soamente para contentar as Federacións de Cazadores e que as razóns aducidas son escusas para poder autorizar esta actividade”, indica a formación ecoloxista nun comunicado. Así, suliña que esta actividade “non é prioritaria” durante o estado de alarma.
Así, lembra que as especies salvaxes “deben ter o seu propio espazo e a conservación dos ecosistemas é necesaria”. “A recuperación do monte tradicional galego e a deseucaliptación sería unha medida moito máis efectiva á hora de manter aos xabaríns lonxe dos cultivos, estradas e asentamentos humanos, xa que proporcionaría o sustento que estes animais precisan”, indica.
“A caza non pode ser un método aceptable como xeito de control da poboación de animais salvaxes xa que hai moitas formas non cruentas de protexer os campos e evitar os accidentes de tráfico”, indica. Algunhas das razóns esgrimidas pola Xunta é que os xabaríns son perigosos xa que poden provocar accidentes nas estradas.
“Ante isto, nós propoñemos que se melloren as medidas de prevención con elementos disuasorios luminosos ou a xeneralización do dobre valado reforzado, delimitación de zonas con recursos olfativos, comedeiros forestais, control das fontes de alimentos ou a mellora dos espazos naturais onde se lle proporcionen recursos e refuxio”, di. Equo Galicia cre que estes métodos serían tamén efectivos para protexer á actividade agrícola, que é outra das razóns que se aducen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.