Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 12:54
Os ingresos tributarios de Galicia situáronse en 6.075,7 millóns de euros en 2019, o que supón un incremento do 1% en relación con 2018, segundo os datos publicados este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
A recadación dos impostos directos subiu un 4,9% a 2.485,8 millóns de euros. Está encabezada polo gravame sobre a renda (tramo autonómico do IRPF), que ascende a 2.249 millóns de euros (182 millóns máis respecto de 2018); xa que a recadación sobre o capital descende e queda en 236,6 millóns (66 millóns menos).
En cambio, os impostos indirectos tiveron un retroceso do 1,7%. Achegaron 3.400 millóns en 2019, 60 millóns menos que en 2018. Hai un retroceso de case 80 millóns no imposto sobre o valor engadido ata situarse en 2.042,7 millóns. Tamén baixa a recadación sobre consumos específicos (971,6 millóns) e os tributos propios da Comunidade (36,4 millóns). En cambio, ascenden en 21 millóns a recadación por transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (288,4 millóns).
O capítulo de taxas e outros ingresos ten un lixeiro incremento de dous millóns ata alcanzar os 189,3 millóns de euros recadados en 2019. A maior parte destes tributos son recadados pola Administración Xeral do Estado, xa que a Axencia Tributaria de Galicia só xestiona algúns propios da comunidade. De feito, a partida fundamental do financiamento que o Goberno central achega ás comunidades autónomas procede, precisamente, desta recadación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.