O traballo de ser nai en risco de exclusión no rural durante o estado de alarma

As dificultades no rural tamén afectan a persoas que viven en risco de exclusión social con familias ao seu cargo. O problema é maior cando se trata de mulleres separadas ou divorciadas con nenos. A actual situación económica moitas veces impide que se poidan cumprir os termos de mantenza para os fillos e fillas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Carmen pasa dos corenta anos, vive nun piso de aluguer nunha vila cabeza de comarca rural. A maior parte da súa vida laboral estivo ligada á hostalaría, cociña ou camareira de cuartos en hoteis. Conta que o último onde estivo traballando “ía moi ben, mais as condicións eran terribles, traballaba de noite e para coidar o neno tiña que estar aquí a miña nai”. O hotel pechou, Carmen leva desde entón case catro anos sen traballo.

A isto engádese que a súa situación persoal que pasa por unha tramitación de divorcio paralizada polo estado de alarma. Vive soa co seu fillo de sete anos e paga un aluguer de 300 euros. Para facerlle fronte “cobro a RISGA que son catrocentos e pico e o pai do rapaz pásame diñeiro cando quere ou pode e tamén cobrei a axuda familiar durante dous anos”.

O DÍA A DÍA

A alimentación, as facturas e outros gastos necesarios, son o gran cabalo de batalla para Carmen e todas as persoas que viven unha situación semellante. Recorre a Portas Abertas, unha asociación que busca a mellora da calidade de vida das persoas que viven no rural. “Recibo alimentos non perecedoiros, merco conxelados, peixe e se merco polo, pois o máis barato”.  “Non fago moita comida, se fago de máis, pois conxéloa”. Ela mesma recoñece que fai equilibrios para que non falte de nada. Tamén conta coa axuda de veciñas que “teñen galiñas e me pasan ovos”.

Sobre os pagamentos de luz e auga, Carmen sinala que “as facturas de luz pois págamas a Xunta, logo cada certo tempo venme a factura de gas, se non podo pagar non mo cobran”. Aínda así, ela mesma di que non pode estar acumulando facturas porque logo non pode pagar toda esa cantidade de diñeiro. “Vou pagando cando podo”. “A outra factura é o teléfono, que cando me pasan a paga xa mo descontan”.

Por outra parte, cando pode recolle traballos de limpeza cando a chaman. Mais agora, co estado de alarma a xente non chama tanto por medo. O motivo é que normalmente son persoas maiores que necesitan “que lles limpe unha cociña ou un cuarto, mais con esta situación, nada”.

DE CARA AO FUTURO

Outro tema é o do seu fillo de sete anos. Co confinamento deixou de asistir á escola. Carmen quéixase que hai algunhas cousas que non se pensaron ben de cara o alumnado. Á parte de que ela mesma lle fai de profesora, Carmen non ve ben que non houbese moita axuda para imprimir o material escolar. “Se temos impresora ben, senón, temos que pagala, iso tampouco o estudaron moi ben”. Ten internet na casa “fago mil agros como podo” mais si pode ter conexión.

Sobre o rendemento do seu fillo “este ano non ía moi ben porque cambiaron de mestre e de método, o orientador falou comigo para poder sacalo adiante”. Agora que teñen que estudar na casa, “os profesores envíanme emails dicindo que ven mellora e que vai ben, mais eu non sei que pasará con este curso”.

Zona rural de Galicia
Zona rural de Galicia

Mentres cobra a RISGA, Carmen está facendo o curso de competencias clave para acceder despois ao curso de sociosanitario “que é o que máis se demanda por aquí, para coidar persoas maiores”. Na vila onde vive e nos concellos de arredor hai varias residencias para xente maior. “Penso que tería posibilidades”.

En caso de que fose necesario mudarse de lugar para un novo traballo, Carmen di que estaría dispostas, mais a situación legal sobre a súa separación sería un impedimento para irse. “Se me desprazo a outra vila, pois pode denunciarme aínda que teño a custodia, mais el ten o réxime de visitas, entón teriamos que volver a xuízos e non teño ganas”.

De momento Carmen e outras persoas están esperando que, pouco a pouco, a situación mellore para atender as súas necesidades. Mentres tanto, as rendas sociais van aliviando a situación de persoas que viven no rural, incluídos nenos e nenas sen conexión á rede, algo fundamental para os tempos actuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta