Por Galicia Confidencial | Allariz | 30/08/2025 | Actualizada ás 10:30
O Concello de Allariz acollerá unha nova edición do Mercado de Artesanía “Arte de Man” o día 7 de setembro. Contará con artesás e artesáns de referencia de Allariz e de toda Galicia e o encontro desenvolverase na Zona de Santo Estevo, centro histórico da vila, en horario de 11:00 a 20:00 horas.
Como en edicións anteriores, esta recoñecida feira contará coa presenza dunha ampla representación de profesionais da artesanía galega. Concretamente terán posto en 'Arte de Man' este ano: Mamá Sara (A Marinhenta), Marta Cui (cerámica artesanal), Xogo de Fíos, Enxógate, Imprime 3D, Estudo Aldea, Olería do Batán, Mor Talla, Magari Clay, Museo do Coiro, A.N.D.R.E.A., Moi de Flores, Luis Pachón, Artesanía Nómada, Paulinha D´Arzoa, Coco y Lobo, Paselopase, Merino Coqueta e Rosa Ana Soto.
ACTIVIDADES PARALELAS
Ademais da exposición e venda de pezas únicas nos diferentes postos, o mercado de artesanía ofrecerá as seguintes actividades abertas ao público:
12:00 h. Obradoiro de creación con flores secas a cargo de Moi de Flores. Actividade gratuíta e aberta a todos os públicos a partir de 6 anos, con prazas limitadas por orde de chegada.
17:00 h a 19:00 h. Animación musical con Pirata Sen Parche, que encherá de ritmo e ambiente festivo a xornada.
A alcaldesa de Allariz Cristina Cid e a concelleira de Promoción Económica, María López, destacaron días atrás, na presentación do evento, a importancia de poñer en valor a artesanía local e galega como parte esencial do patrimonio cultural e económico de Allariz, convidando á veciñanza e visitantes a participar e apoiar o talento creativo da vila e de Galicia.
En palabras da alcaldesa, “Arte de Man constitúe unha oportunidade única para descubrir produtos singulares, apoiar o comercio local e gozar dunha xornada de convivencia arredor da arte, a música e a tradición artesanal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.