Piden á Xunta un protocolo para que familiares de maiores en centros poidan visitalos pola súa “saúde mental”

“É hora de tratar os problemas que pode supoñer o illamento para a saúde mental das persoas ingresadas nas residencias despois de dous meses de confinamento”, indican familiares de residentes de Celanova e O Barco.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/05/2020 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

As Asociacións de Familiares nos centros de maiores de Celanova e O Barco, co respaldo de REDE e o Movemento Galego da Saúde Mental, solicitan que a Administración Galega estableza un protocolo que permita abrir as portas das residencias ás familias, extremando as medidas de protección e desinfección.

Nun comunidado, as familias dos residentes nos centros de maiores San Carlos de Celanova e Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras, advirten sobre os problemas que pode traer o illamento á saúde mental dos seus familiares despois de dous meses de confinamento.

Lembran que a Associació Professional Catalana de Directors/res de Centres i Serveis d'Atenció a la Dependència (ASCAD) vén de presentar un protocolo para iniciar o desconfinamento dos maiores que inclúe as visitas de familiares. “Facilitar o contacto telefónico e, na medida do posible, as vídeo-chamadas seguen sendo unha obriga que as residencias deben atender para que as usuarias e os usuarios sintan que teñen cerca os seus”, indican.

“As familias somos conscientes de que hai un primeiro grupo de usuarias e usuarios que habitualmente facían vida normal fóra da residencia e que estarían en condicións de volver facela. Sabemos que hai outro grupo que non foron afectados polo covid19 e que xa superaron o tempo de corentena e que poderían, coas medidas de protección individual e distanciamento esixidas, recibir a visita dalgún familiar”, engaden.

Unha persoa maior mira pola ventá
Unha persoa maior mira pola ventá | Fonte: remitida

PIDEN UN PROTOCOLO

Por iso apelan á dirección das residencias e a Área Sanitaria de Ourense para que establezan un protocolo que permita abrir as portas da Residencia San Carlos de Celanova e de Nuestra Señora de Fátima do Barco de Valdeorras ás familias.

En todo caso, insisten que o primeiro egue sendo a protección dos centros, evitando vectores de contaxio. Por iso se comprometen a asumir todas as medidas de autodesinfección e autoproteción aportando luvas, máscaras e a roupa que se lles indique, e tamén a colaborar coa dirección para organizar as visitas. “Empezando por unha persoa por residente, cunha duración máxima de 15 minutos e nos espazos exteriores do centro, tal e como recomendan os expertos”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta