Un estudante italiano denuncia que a UdC lle "nega" solicitar axudas económicas no marco desta crise

Andrea Pittarello explica que dende a Universidade alegan que a súa documentación non é suficiente para acreditar a súa identidade e asegura que é a quinta vez en tres anos que atopa trabas nas administracións galegas. "Non saben como xestionar documentación da Unión Europea".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2020 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

No marco da emerxencia sanitaria da Covid-19, a Universidade da Coruña puxo a disposición do seu alumnado dous tipos de axudas económicas: unha axuda de colaboración para o acceso aos servizos de Internet e unha axuda por situación de dificultade económica sobrevida por mor da situación de crise sanitaria. 

Estudantes universitarios en imaxe de arquivo. EUROPA PRESS-ARQUIVO
Estudantes universitarios en imaxe de arquivo. EUROPA PRESS-ARQUIVO

Andrea Pittarello, un alumno italiano que estuda o Mestrado de Prevención e Riscos Laborais na Universidade da Coruña, vén de denunciar a imposibilidade de solicitar estas dúas axudas porque dende a Universidade, segundo explica, alegan que non ten un documento identificativo válido. Fronte a esta resposta, o estudante defende que "iso, evidentemente, non e certo", que leva anos residindo en Galicia e que, polo tanto, está "en trámite de queixa coa Universidade".

"Nun primeiro momento, a sección de Bolsas díxome que era un problema técnico, logo dixéronme que era un problema de rexistro, e posteriormente, que a miña documentación non era suficiente para acreditar a miña identidade", denuncia o estudante, que polo momento está á espera da resolución das axudas pero sen saber se se está considerando o seu caso.

Andrea non é a primeira vez que atopa problemas administrativos dende que vive en Galicia. De feito, asegura que "en tres anos esta é a quinta vez" que ten que "pelexar" para que as tramitacións que inicia saian adiante. Incluso atopou trabas para inscribirse ao máster no que agora estuda. "De todas as veces que me queixei, a administración tivo que corrixirse: nun primeiro momento sempre me din que non se pode, e logo resulta que si", explica. Os anteriores problemas que atopou estiveron relacionados con trámites coa Consellería de Emprego e coa Universidade de Santiago. Non poucas veces o alumno tivo que acabar recorrendo ao Valedor do Pobo para que as súas queixas fosen tidas en conta. "Ao final é determinante para solucionar o tema".

Segundo afirma, todas estas "trabas administrativas" radican nun mesmo punto: "En Galicia hai un problema coa documentación da Unión Europea, non saben como xestionala", algo que non só afecta a nivel particular senón que "afecta á economía" mesma do país. "Se cada vez que unha persoa teña que facer algo ten que perder todo este tempo, evidentemente, acaba por non facelo e por marchar a Madrid ou a Cataluña. Se che fan a vida imposible...", admite.

Pola súa banda, dende a Universidade da Coruña, con quen está agora mesmo en trámite de queixa, aseguran que "non van comentar estes casos" e que, polo momento, "non se solucionou a convocatoria de axudas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta