O estudantado prepara a Selectividade con "medo" á cita: "Somos moita xente"

Pouco a pouco achégase esa proba tan temida e esperada por parte dos estudantes de Segundo de Bacharelato, adiada para xullo. O final abrupto do curso e o estudo dende a casa complican esta recta final, mais o alumnado tamén agradece a flexibilidade prometida nos exames. De cara ao desenvolvemento da proba, recoñecen terlle respecto ante a falta de detalles sobre lugares e medidas de protección.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A pandemia da Covid-19 pillou o alumnado de Segundo de Bacharelato emprendendo o voo cara ao seu futuro profesional. Este curso de tanto estudo e de tanto esforzo viuse, de súpeto, marcado pola incerteza dende a chegada do virus. Con parte de materia avaliable nesa sempre temida selectividade sen impartir, as aulas presenciais deron paso ás virtuais e o estudantado atopouse na tesitura de enfrontar, dende os seus fogares, o intenso estudo de cara ás probas que determinarán os seus próximos catro anos, como mínimo.

Convocatoria extraordinaria das probas de Selectividade na Universidade de Sevilla. María José López - Europa Press - Arquivo
Convocatoria extraordinaria das probas de Selectividade na Universidade de Sevilla. María José López - Europa Press - Arquivo

As situacións persoais portas cara a dentro son moi diversas, e tamén a organización desta última parte do curso por parte do profesorado. En xeral, o alumnado respira alivialo logo de que a CIUG (Comisión Internuniversitaria de Galicia) presentara uns modelos de exame máis flexibles e con maior opcionalidade para rebaixar os prexuízos. Con todo, esta situación excepcional complica o estudo nas casas e fai temer que se produzan aglomeracións perigosas neses tres días de exames da ABAU, adiados ao 7, 8 e 9 de xullo.

ESTUDAR SELECTIVIDADE A TRAVÉS DE AULAS VIRTUAIS

"O maior problema que atopo é que non me concentro ben. Eu intento organizarme pero é imposible distribuír o tempo igual ca se tiveras clases; aquí teño moitas distraccións aínda sen querer". Quen fala é Iria Bodelo, unha rapaza que estuda no IES de Curtis e que prepara a selectividade dende o cuarto da súa casa. Agradece que o profesorado non sexa "estrito" cos prazos e que este terceiro trimestre se avalíe de maneira "voluntaria para subir nota", mais tamén recoñece que é complicado, sobre todo nas materias máis difíciles, entender e asimilar os contidos a través de videochamadas e aula virtual. "Notamos a falta das clases presenciais, pero temos que intentar que nos perxudique o menor posible".

Yoela Lareo, outra estudante de Segundo de Bacharelato do I.E.S Número 1 de Ordes, fai tamén referencia ás dificultades que xorden polo camiño: "Ás veces a conexión non é boa, resolver dúbidas é máis complicado... Todos sabemos que non se explica da mesma maneira nunha clase que a través dunha pantalla", resume. No caso de Nerea Esmorís, que cursa o Bacharelato no IES Universidade Laboral da Coruña, algúns profesores nin sequera dan as súas clases online. "Non sei por que é, pero mándannos tarefas e déixannolas quedar. Hai outros que están máis pendentes de nós, que si nos explican e nos resolven dúbidas". Neste contexto, asegura que o estudo se lle está facendo "un pouco agobiante". "Selectividade está cada vez máis certa e os profesores seguen mandando moitísimo traballo, dános a sensación de que non queda moito tempo para preparar os exames".

Alumnado ante a entrada a un exame de Selectividade
Alumnado ante a entrada a un exame de Selectividade

Xa entradas na recta final, algunhas estudantes senten que, a pesar das facilidades que permite este novo modelo de exame, non é posible estar en igualdade de condicións respecto do alumnado que accedeu a esta proba en anos anteriores e sen unha emerxencia sanitaria polo medio. "Nunca será o mesmo que che expliquen algo de matemáticas en persoa que a través dun ordenador", explica Iria. "O estudantado puido profundar máis no temario. Nós, nalgunhas materias, temos unha clase online á semana e con sorte", engade agora Nerea. Yoela Lareo, moi pola contra, atopa nesta situación incluso certa vantaxe respecto do pasado alumnado, posto que, segundo argumenta, as datas "favorecen" - "temos un mes máis para estudar" - e quen debe superar materias suspensas ten maior facilidade para sacalas adiante.

"MEDO" AO CONTAXIO NO DÍA DO EXAME

Perante a pandemia da Covid-19, as datas prefixadas para a celebración do selectivo adiáronse un mes, ata o 7, 8 e 9 de xullo, onde inicialmente Galicia tiña prevista a proba extraordinaria, que agora se trasladará ao mes de setembro (período no que se viña realizando tradicionalmente antes de implantarse o modelo da ABAU). As alumnas contactadas, se ben non apostarían por un novo aprazamento da Selectividade ata setembro polo "esforzo" que iso esixiría, o certo é que enfrontan esta cita con certo respecto a nivel sanitario.

Ata o de agora todos os actos previstos para estes meses de verán fóronse cancelando, e poida que a celebración da ABAU sexa das maiores concentracións de persoas que se producirán no curto prazo. "Algo de medo sempre tes, pero tampouco se sabe como estará a situación para daquela, pode mellorar, empeorar... Se para entrar na carreira te tes que contaxiar, non compensa moito", fala Iria, que agarda que "se tomen as medidas de seguridade necesarias". "Somos moita xente". Tamén a Yoela lle impón certo respecto, xa que "non estarás só coa xente da túa zona senón con persoas doutros lugares". 

Nerea Esmorís conta que non ten medo, "pero tranquila tampouco vou", di. "Eu convivo con xente maior na casa... Así que confío en que se tomen as medidas pertinentes para que non haxa riscos". Polo de agora faltan por detallar os lugares e as medidas de protección para o desenvolvemento destas probas. Queda tamén no aire que acontecerá se a situación sanitaria non permite a súa celebración. A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, admitiu que aínda non pensou nunha alternativa no caso de que as autoridades sanitarias desaconsellen a celebración da Selectividade a principios de verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta