San Xoán de Río, o pobo dos 500 habitantes que ofrece Internet gratis para teletraballar no rural

O programa “Al Rojo Vivo” de La Sexta fixo unha conexión en directo dende o concello de San Xoán de Río, en Ourense, para falar co seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua sobre novas oportunidades para gañar poboación.

Por Galicia Confidencial | San Xoán de Río | 15/05/2020 | Actualizada ás 08:25

Comparte esta noticia

O Concello de San Xoán de Río levará adiante unha serie de iniciativas baseadas nas novas tecnoloxías. Con isto pretende facer fronte á crise tendo en conta “o recorte brutal de ingresos e subvencións que imos ter todos os concellos”.

San Xoán de Río, Ourense
San Xoán de Río, Ourense | Fonte: Wikipedia

Por iso, pretende sacar forza aproveitando tres factores. O primeiro que a perda de poboación non supón por si soa unha catástrofe. A emigración deixou “edificios pechados sen utilidade” que grazas á fibra óptica poden dar mellores servizos á veciñanza e facilitar o regreso daquelas persoas que o desexen.

Un feito que chamou atención de grandes canles estatais. Baixo o titular “aldeas sin internet en confinamiento” unha reporteira de La Sexta achegouse a San Xoán de Río este 14 de maio para falar co seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, sobre despoboamento, a creación dun centro de teletraballo e falta de conexión a internet nas parroquias.

Segundo indicou a correspondente, este concello é un dos máis envellecidos de Galicia, nel só viven sete nenos e nos últimos anos perdeu o 80 % da súa poboación. Segundo refire o alcalde, “moita xente deste concello tivo que emigrar a lugares como Valencia, Madrid, Barcelona, País Vasco ou ao resto de Europa” e agora coa chegada da fibra óptica cre que é un bo momento para convidalos a que retornen, e teletraballen dende aquí. A idea é que proben este verán a experiencia de teletraballar en San Xoán de Río e que queden xa a vivir.

“No concello hai edificios pechados sen utilidade e dende comezos deste ano temos fibra óptica, 3 factores, a perda de poboación, edificios pechados e a conexión de alta velocidade a internet coa que pretendemos por un lado, mellorar os servizos dos actuais veciños e por outra banda darlle oportunidade a xente que se foi para que poida regresar a vivir aquí”, afirma Pérez Blecua.

EDIFICIO PARA TELETRABALLO

Unha das súas promesas é conexión con fibra óptic, que permitirá ao Concello adaptar un dos edificios públicos municipais ás necesidades dun local para o teletraballo. O modelo a seguir, segundo fontes municipais será o “plug & play” que permitirá conectarse ás redes ofrecidas dentro das instalacións. A idea subxacente é que os emigrantes que pasen o verán en San Xoán de Río teñan ao seu dispor as mesmas comodidades que terían onde residen habitualmente.

Outra das solucións propostas por este concello é a creación dunha aula de informática co obxectivo de “mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Con esta iniciativa pretenden que, especialmente os nenos e nenas, teñan acceso a un ordenador durante o período de desescalada. Primeiro para que os máis pequenos en idade escolar podan realizar as tarefas e a xente maior aprenda o uso das TIC para conectarse ou mercar a través da rede.

Este ano ademais, San Xoán de Río aposta pola dinamización da Biblioteca Municipal con novas actividades. Instalaranse unha pantalla e un proxector para crear un espazo polivalente cultural. Por outra parte, dixitalizarase toda a biblioteca ademais de crear unha aplicación dixital para empréstito de libros que funcione de maneira low cost e sen mantemento. Desta maneira búscase un bo servizo a baixo custe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta