Feijóo podería suspender as eleccións se hai un rebrote pero non especifica baixo que condicións

Insiste en que xullo é a mellor data e critica a oposición por non apoialo. Volve ir da man dos vascos a uns comicios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2020 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este luns que os galegos irán ás urnas o vindeiro domingo 12 de xullo, aínda que o decreto de convocatoria contempla a posibilidade de que, se se dese unha circunstancia extraordinaria (como podería ser un rebrote do coronavirus), se poidan volver suspender os comicios. Deste xeito aínda quedaría marxe para fixar outra data antes de que, no outono, se esgotara a lexislatura, aínda que o presidente galego non especifica en que condicións e baixo que criterios se poden suspender eses comicios e quen decidiría a nova data.

Así o recolle, segundo explicou Feijóo, a "longa e motivada xuridicamente" exposición de motivos do decreto que analizou este luns o Consello da Xunta, nunha reunión extraordinaria, na que Feijóo, do mesmo xeito que fixo o lehendakari, Iñigo Urkullu, na súa comunidade, ratificou a súa intención de que a cita electoral se celebre "canto antes", o primeiro domingo que permite a lexislación, xa que deben transcorrer 54 días entre a convocatoria e a votación.

Se todo sae conforme o previsto por Feijóo e Urkullu, Galicia e Euskadi irán votar por cuarta vez desde 2009 o mesmo día este verán. Previamente, haberá que repetir todo o proceso preelectoral, que inclúe a confección das listas, coas incertezas ligadas á evolución do coronavirus, e algunhas novidades, como a análise de que medidas se van a adoptar nos colexios electorais para que os galegos poidan exercer con seguridade o dereito ao voto.

O presidente explicou que a xunta electoral analizará o decreto de convocatoria e que os expertos que asesoran á Xunta tamén articularán recomendacións para que se poida votar con garantías, extremo para o que tamén espera a "colaboración" da Administración central e así llo demandou, segundo revelou, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

En todo caso, salientou que as "incertezas" que chegaron coa pandemia seguirán non só en xullo, senón durante os meses seguintes e poida que ata que haxa unha vacina para defenderse da COVID-19, polo que, baixo o seu punto de vista, era preciso adoptar unha decisión en relación ás eleccións.

SEN "ALTERNATIVAS" DA OPOSICIÓN

Para facelo, lembrou que, de acordo co mandato que incluía o decreto polo que se suspenderon os comicios do 5 de abril, escoitou aos principais partidos galegos. Deles, os seus principais rivais (PSdeG, Galicia en Común-Anova Mareas e BNG) opuxéronse a xullo. O PPdeG apoia ao seu xefe de filas e En Marea tamén acepta xullo, mentres que Ciudadanps defendeu publicamente que preferiría setembro.mO presidente da Xunta afeou que, máis aló de oporse, as principais forzas da oposición non expuxesen "alternativas". "

Feijóo alertou de que sería un risco esperar a outono e que se abra a posibilidade de que un rebrote impida chamar ás urnas aos galegos xa esgotada a lexislatura (a última vez que votaron nunhas autonómicas foi o 25 de setembro de 2016).

DA MAN COS VASCOS DESDE 2009

Desde que Feijóo admitiu que buscaba a "quincena máis segura" para as eleccións, os pasos do presidente galego e do vasco Iñigo Urkullu han ido en paralelo. Mesmo escoitaron aos partidos o mesmo día. Coincidiran tamén en convocar para o 5A, aínda que tanto en Euskadi como en Galicia suspendéronse os procesos por mor da crise sanitaria. Tamén este luns comparecen ambos os mandatarios.

O 5 de abril fose a cuarta vez consecutiva desde 2009 que galegos e vascos acudirían da man ás urnas. A primeira coincidencia provocouna máis de dez anos atrás Juan José Ibarretxe, quen se sumou á data previamente elixida en Galicia polo entón presidente autonómico, o socialista Emilio Pérez Touriño.

Ese 1 de marzo de 2009, Feijóo recuperou a Xunta para o PP e, desde entón, secundou as dúas datas que fixaron os presidentes vascos para os comicios autonómicos: primeiro co socialista Patxi López, quen decidiu adiantar ao 21 de outubro de 2012, e despois, o 25 de setembro de 2016, xa con Urkullu na Lehendakaritza.

Reunión extraordinaria do Consello da Xunta para analizar a convocatoria electoral. Xunta de Galicia
Reunión extraordinaria do Consello da Xunta para analizar a convocatoria electoral. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pois máis aló das pataletas sen argumentos dalgúns, eu sigo a poñer en valor a coincidencia das dúas autonomías á hora de ir aos comicios e compartir así tempos semellantes de lexislaturas ! Os asinantes de pactos como Galeuscat e AgoraRepúblicas deberan sinceiramente valorar esta unidade de criterios temporais (especialmente cando o Estado Central vólvese Jacobino e reclama para sí tódolos poderes baixo 66 días en Estado de Alarma) Lástima que Catalunya non faga o mesmo... pero moito me temo que o presidente no exilio debe andar a outras lerias máis particulares (?) O BNG debera estar encantado coa data !!!