Feijóo pide ao Goberno "un plan único" contra rebrotes de cara a reactivar o turismo internacional en xullo

A Xunta proporá aos concellos que o aforamento máximo das praias dependa de se hai baixamar ou pleamar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2020 | Actualizada ás 15:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou este domingo ao Goberno central "un plan único" fronte a un eventual rebrote de COVID-19 que poida ocasionar a xa anunciada reapertura de España ao turismo internacional a partir de xullo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión cos líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión cos líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez | Fonte: Xunta.

Tras a undécima videoconferencia entre os líderes autonómicos e o presidente estatal, Pedro Sánchez, Feijóo criticou que se anuncie que vai haber tempada turística de verán, coa recepción de visitantes estranxeiros, mentres España "non ten ningún protocolo de rebrotes".

En vista de que os hoteis españois, "e como consecuencia galegos", van poder recibir turistas "da maioría de lugares do mundo", o presidente galego cre que debe existir "un plan único" que sexa "meticuloso" con aqueles países de orixe e coa súa situación epidemiolóxica concreta.

Non en balde, Feijóo asegurou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa "ten un plan de rebrote" do coronavirus.

REAPERTURA DE PRAIAS

Sobre as praias galegas, nas que a partir deste luns os cidadáns poderán tomar o sol e bañarse como consecuencia da entrada na fase 2, o titular da Xunta rexeitou a instrución que introduce o Boletín Oficial do Estado (BOE) de manter unha distancia mínima de seis metros desde a liña de pleamar para contabilizar o aforamento máximo.

"Supón, na práctica, vetar boa parte dos areais de Galicia", advertiu Feijóo, quen seguidamente propuxo que, "se aos concellos lles parece razoable", se marque o aforamento das praias en función de se a marea está alta ou baixa.

"Se hai que ter en conta os aforamentos da pleamar, moitos areais non poderían ser utilizados practicamente por ninguén, ou se cadra por catro ou cinco persoas", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta