A Xunta tenta poñer paz entre mexilloeiros e percebeiros

Mar presenta un plan cunha "proposta intermedia" que contempla unha prórroga para a extracción de cría de mexillón e zonas exclusivas de percebeiros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/05/2020 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presentou este martes un plan cunha "proposta intermedia" entre os sectores enfrontados de mexilloeiros e 'percebeiros para tratar de atallar o conflito que protagonizan nas últimas semanas.

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

Nunha reunión en Vilagarcía con representantes dos bateeiros e de representantes das federacións de confrarías, Quintana trasladou un plan que pasa por unha prórroga da extracción de cría de mexillón, mentres se establecen zonas exclusivas para percebeiros.

A titular de Mar sinalou que confía en que "tanto os representantes do sector bateeiro como os dos percebeiros acepten esta proposta, reine a paz e poidan convivir como levan facendo toda a vida, respectando os dereitos duns e doutros". "Porque Galicia non se entende sen ningún destes sectores", deixa claro.

Así, concédese unha prórroga durante todo o mes de xuño para que aqueles bateeiros que aínda non teñan cuberta a súa demanda de cría de mexillón poidan facelo de maneira excepcional nas zonas non protexidas.

O plan que a Administración puxo este martes sobre a mesa contempla a limitación de 50 quilómetros da costa de Galicia exclusivamente para a extracción do percebe. Con esta medida, sinalou Rosa Quintana, "preténdese preservar as zonas máis sensibles" para a recollida deste crustáceo.

Para Rosa Quintana, a proposta presentada este martes "é moi equilibrada", tanto para preservar un recurso moi importante como é o percebe, como para que os mexilloeiros poidan dispor da cría de mexillón necesaria para os seus cultivos.

MEDIDAS PARA UN ANO COMPLICADO

A titular de Mar valora que esta medida "vén reforzar as outras liñas de traballo" que a Consellería puxo a disposición do sector bateeiro, nun ano complicado para ambos os sectores, "xa que non hai abundancia de cría de mexillón" e "como consecuencia da Covid-19 os percebeiros non puideron ir traballar".

Entre esas outras medidas decretadas pola Administración galega figuran o permiso excepcional para que as bateas poidan pór 50 cordas máis a maiores das 100 que se lle autorizan todos os anos, así como a posta a disposición dalgúns espazos portuarios para que tamén alí poidan extraer fazula.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta