Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2020 | Actualizada ás 18:19
Un total de 84.665 autónomos galegos cobrarán este venres, día 29 de maio, a prestación extraordinaria pola crise da COVID-19 que no conxunto do Estado chegará a máis de 1,4 traballadores por conta propia.
Diso informou a Delegación do Goberno en Galicia, que precisa que na Comunidade galega se concederon un total de 84.665 prestacións das 87.534 solicitadas.
A institución que dirixe Javier Losada explicou que, no conxunto do Estado, o importe previsto para o pago deste venres é duns 1.200 millóns de euros, que sumados aos desembolsados os pasados 17 e 30 de abril, supoñen ao redor de 2.500 millóns de euros en prestacións.
A Delegación do Goberno en Galicia precisou que a contía é de, como mínimo, 661 euros mensuais (o equivalente ao 70% da base reguladora) e ademais leva a exoneración de cotas á Seguridade Social de forma temporal. "O seu obxectivo é protexer a falta ou diminución considerable de ingresos dos autónomos e autónomas na situación excepcional provocada pola COVID-19 e contribuír á supervivencia do seu negocio", apunta.
No conxunto do Estado, un total de 1.412.605 autónomos contan con esta prestación concedida, o 94,62% dos 1.492.768 traballadores por conta propia que a solicitaron. Do total, o 2,13% está en trámite e unicamente o 3,24% restante resultaron denegados.
En concreto, os sectores con máis beneficiarios da prestación son Comercio (351.627), Hostalaría (261.336), e Construción (152.646). Entre este tres, superan a metade das solicitudes concedidas. Por outra banda, as comunidades autónomas cun maior número de receptores son Andalucía (253.244), Cataluña (233.582), Madrid (179.425) e Comunidade Valenciana (160.636).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.