O hospital de Piñor pecha tras atender 80 maiores contaxiados con Covid-19

A Unidade Residencial Medicalizada permanecerá "dispoñible e alerta" por se fose necesario reabrila ante un rebrote.

Por E.P. | Ourense | 01/06/2020 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A Unidade Residencial Medicalizada do hospital de Piñor (Ourense) pechou este luns as súas portas tras atender a 80 persoas maiores contaxiadas con COVID-19 procedentes, maioritariamente, de residencias sociosanitarias da provincia, durante uns 50 días de funcionamento.

Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense
Un operario con traxe de desinfeccion na Residencia de anciáns San Carlos de Celanova en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Na mañá deste luns deixaron o centro os seus últimos catro pacientes. Tres deles volveron ás súas residencias de orixe recuperados, mentres que o último deberá permanecer uns días máis no Hospital Universitario de Ourense ata a súa plena recuperación.

"As instalacións permanecerán dispoñibles e alerta para a súa reapertura inmediata no caso de producirse unha repunta", comunicaron por parte da xerencia. Na posta en marcha deste sistema asistencial inédito colaborou de maneira voluntaria persoal sanitario e residentes en formación de centros de saúde, Puntos de Atención Continuada e do Hospital Universitario de Ourense.

O hospital de Piñor funcionou como unha planta máis de COVID-19 con "estritas medidas de prevención", explicaron as mesmas fontes, para evitar a extensión da infección nas residencias de orixe dos maiores.

A apertura de Piñor como Unidade Residencial propiciou unha "resposta áxil", aseguraron por parte da xerencia, aos problemas detectados na Residencia Nosa Señora de Fátima, do Barco de Valdeorras, desde a que se trasladaron os primeiros pacientes, e aos que lle seguiron usuarios de moitas outras.

A nova unidade naceu con capacidade para atender residentes con problemas de mobilidade ou dependencia, así como outras necesidades médicas, complementando á Residencia dos Miragres, grazas á atención asistencial prestada por persoal sanitario e non sanitario do Sergas.

Para a súa posta en marcha contouse cun equipo multiprofesional composto por celadores, técnicos de coidados auxiliares de enfermaría (TCAE), persoal de enfermaría e persoal médico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta