Por Alberto Quian | Madrid | 02/06/2020 | Actualizada ás 22:00
A comunidade científica comprobou que o material xenético do coronavirus SARS-CoV-2 é detectable nas feces dunha parte considerable dos casos positivos de COVID-19 e, por tanto, nas augas residuais urbanas. Isto levou a investigadores de todo o mundo a monitorar a incidencia do novo coronavirus por augas residuais. En Galicia, un equipo de científicos acaba de publicar as primeiras conclusións da investigación realizada na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Ourense. Os datos indican que “a maioría das partículas de SARS- CoV-2 non se poden detectar no efluente da auga, xa que son retidas pola liña de lodos”.
O estudo foi realizado por investigadores do Instituto CRETUS - Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a empresa Viaqua, o Grupo de Investigación en Microbioloxía e Infectoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) SERGAS-Universidade de Vigo, o Departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e o Departamento de Microbioloxía da USC. Está asinado por Sabela Balboa, Miguel Mauricio Iglesias, Santiago Rodríguez, Lucía Martínez Lamas, Francisco J. Vasallo, Benito Regueiro e Juan M. Lema.
Trátase dun primeiro paso que terá continuación noutros puntos de Galicia, xa que “desde Augas de Galicia recolleron a iniciativa de probar este método en diferentes EDAR”, o que valería non só para tentar estender a nosa comprensión a outras configuracións de EDAR (e tamaños), senón tamén para estar preparados e ter os aspectos metodolóxicos a punto, no caso de que rebrotes, unha segunda onda, etc.”, explica Miguel Mauricio Iglesias, do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) da USC.
O estudo realizouse con mostras de cinco días tomadas en tres semanas do mes de abril e “proporciona moitas ideas sobre o papel que poden ter as EDAR na mitigación da Covid-19”, comenta Miguel Mauricio Iglesias.
Aínda que os resultados obtidos en Ourense proporcionan “unha idea de como se comportan as partículas do virus nas estacións de depuración de augas residuais”, o investigador advirte de que estes “deben ser tomados con cautela, debido ao limitado do estudo”.
“Estamos a traballar para confirmar os resultados, por suposto”, apunta Miguel Mauricio Iglesias, quen destaca que, en todo caso, serán útiles para “establecer onde se poden tomar mostras con maior concentración de restos de SARS- CoV-2”.
Con el falamos sobre como se realizou este estudo, os resultados obtidos e a súa utilidade na loita contra a Covid-19.
Cando e por que comezaron esta investigación?
Durante a última semana de marzo, un equipo holandés confirmou que atoparan ARN do SARS- CoV-2 nas augas residuais de varias cidades holandesas [o material xenético do SARS- CoV-2 é ARN, abreviatura de ácido ribonucleico]. E explicaban a posibilidade de usar esas medidas para seguimento epidemiolóxico. No instituto CRETUS temos a sorte de ter perfís de varias disciplinas aplicadas ás tecnoloxías ambientais, polo que pensamos que podiamos achegar algo desde a nosa experiencia no coñecemento de como se comportan os contaminantes orgánicos nas EDAR (Juan Lema, Miguel Mauricio) e a detección de virus en augas residuais (Sabela Balboa). Viaqua mostrouse moi disposta a colaborar desde o principio e o equipo do CHUVI (Lucía Martínez, Francisco Vasallo e Benito Regueiro, este último tamén catedrático da USC) achegou non só as capacidades de detección e cuantificación do virus nas mostras, senón unha interpretación global dos resultados, contextualizando, por exemplo, que a cantidade de RNA detectado é, en todos os casos, baixa.
"A auga tratada (efluente) que sae da EDAR non contén restos do virus, xa que na súa maioría se atopan nas correntes de lodos"
Que destacan dos resultados obtidos?
O máis relevante é que podemos ter unha idea de como se comportan as partículas do virus nas estacións de depuración de augas residuais (EDAR). A nosa hipótese era que, ao ser un virus envolto, tería afinidade pola materia sólida que se atopa en suspensión nas augas residuais. Nas EDAR, adóitanse separar os sólidos nunha corrente de “lodos ou lodos” de depuradora que reciben un tratamento diferente ás augas. Por tanto, esperabamos atopar as partículas víricas nas correntes de lodos, máis que nas de auga. É máis, vimos que os decantadores e espesadores de lodos –unidades que serven para concentrar os lodos– tamén actuaban como “concentradores” de partículas víricas. No caso da EDAR de Ourense, os lodos reciben un tratamento térmico severo antes de saír da planta e tras este tratamento, tampouco detectamos restos do virus.
Estas observacións leváronnos a tres conclusións: a primeira, que a auga tratada (efluente) que sae da EDAR non contén restos do virus, xa que na súa maioría se atopan nas correntes de lodos; a segunda, que o lodo tratado tras un tratamento térmico máis dixestión anaerobia [proceso no cal microorganismos descompoñen material biodegradable en ausencia de osíxeno] non contén restos do virus; por último, que o lodo, antes do seu tratamento térmico, é o punto con maior concentración de restos do virus, polo que se pode usar para detectar e monitorar a súa incidencia na poboación servida pola EDAR.
Que novidades achegan os seus resultados respecto a outros estudos similares e en que coinciden?
A velocidade á que se publican resultados neste tema é tan alta que é difícil lelo todo. En xeral, a maioría dos traballos (tamén en forma de preprint como o noso) que lemos céntranse en estudar as augas residuais tal e como entran á EDAR, nalgúns casos tamén o efluente de saída. O noso traballo tenta entender o que pasa en varios procesos dentro da EDAR para contribuír a entender por que se detectamos material xenético do SARS- CoV-2 á entrada, este non aparece á saída. Isto permítenos, con moita cautela, supoñer que sucedería noutras depuradoras con outras configuracións.
Un par de días antes de publicar os nosos resultados, un grupo estadounidense tamén destacou a importancia dos lodos para a detección dos restos de SARS- CoV-2. Nese estudo só investigan un punto da liña de lodos (o lodo primario), pero con máis detalle (unhas 42 mostras). Nós, ao estudar ademais o lodo espesado e dixerido, temos unha visión máis detallada do comportamento dos restos do virus nos lodos e propoñemos, ademais do lodo primario (do que moitas EDAR pequenas carecen), o lodo tras ser espesado. Ademais, o lodo ten outra vantaxe sobre a auga residual, sobre todo en zonas como Galicia, xa que a súa composición é menos variable en tempo de choiva.
"Establecer onde se poden tomar mostras con maior concentración de restos de SARS-CoV-2, na liña de lodos, pode ser moi útil como alerta de rebrotes"
Que utilidade teñen os resultados do seu estudo?
Hai dúas conclusións realmente útiles. A primeira é que ao establecer onde se poden tomar mostras con maior concentración de restos de SARS-CoV-2, é dicir na liña de lodos e dentro dela no lodo espesado, propoñemos ese punto de mostraxe para os estudos de detección e monitoraxe da incidencia do SARS- CoV-2. Cremos que este tipo de detección nas EDAR pode ser moi útil no futuro próximo, como alerta de rebrotes e nesa posible segunda onda da que falan os epidemiólogos.
A segunda é que verificamos que a auga que sae da EDAR (o efluente) e o lodo tratado, non conteñen materiais xenéticos do virus. A presenza de material xenético non supoñería que houbese risco de infección, pero a súa ausencia se confirma que tanto a auga como o lodo son seguros.
De todos os xeitos, hai que reiterar que é importante ter moita cautela na súa xeneralización a calquera EDAR xa que este traballo realizouse unicamente nunha depuradora.
Pódese afirmar entón con rotundidade que estas augas son seguras?
O primeiro que hai que destacar é que a posible detección de material xenético do virus non implica en ningún caso que a auga poida causar unha infección. Ademais, no noso estudo, e en todos os que coñezo ata a data (varias EDAR en Valencia, Murcia), non se detecta material xenético do virus na auga que sae da depuradora. Por tanto, e a falta de máis estudos, pódese afirmar que son, en efecto, seguras.
"No noso estudo, e en todos os que coñezo ata hoxe, non se detecta material xenético do virus nas augas das depuradoras. A falta de máis estudos, pódese dicir que son seguras"
Saben como se comporta o virus neste medio e os seus potenciais riscos?
Por agora sábese moi pouco, aínda que o coñecemento na área avanza a unha velocidade que fai moi difícil seguir todos os avances. O que se cre, en xeral, é que os virus envoltos non se adoitan transmitir a través das augas, a diferenza de virus gastrointestinais como Norovirus ou Hepatite A.
Que novidade ou utilidade metodolóxica achega o seu traballo á investigación sobre o coronavirus en augas residuais?
O máis relevante é que, ao adaptar o protocolo clínico que se utilizaba no CHUVI para mostras ambientais, estamos preparados para un novo brote. Con todo, metodoloxicamente, o noso traballo non é moi diferente ao doutros equipos traballando no mesmo campo, aínda que tampouco é exactamente igual. A comparativa de métodos inter-laboratorio chegará nun futuro próximo e permitirá establecer un método estandarizado que non existe por agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.