SOS do sector musical galego que pide un "gran pacto" e a fin da cultura gratis para superar a crise

A demanda chega logo da cancelación ou adiamento da maioría de actuacións previstas para o verán. Piden a redución do IVE e a fin da "cultura gratis"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2020 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O sector da música en Galicia demanda un "gran pacto con conexións nacionais e internacionais" a medio prazo para facer fronte á crise derivada da COVID-19, chamando asemade a unha política cultural "afastada da gratuidade", a "dotación de fondos para artistas" e a fixación de protocolos de medidas preventivas que "animen a poboación a volver asistir aos concertos".

Así o recolle o informe 'O sector da música popular en Galicia ante a crise da COVID-19', elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega. Segundo estima o estudo, a "preocupación" é a "tónica xeral" dos responsables do sector da música popular en Galicia, que tiveron que ver como moitas das actuacións programas para este verán foron canceladas ou adiadas.

Lúnasa, nun concerto. AXM
Lúnasa, nun concerto. AXM

A configuración do sector, baseado en actuacións ante públicos numerosos en espazos que implican contacto físico, suma unha "incerteza" engadida a un ámbito que dá emprego a máis de 3.100 persoas. Segundo recolle o CCG, as perdas no conxunto do estado chegan xa ós 130 millóns de euros trala suspensión de 30.000 funcións. En Galicia, as bandas de música populares estiman, nunha avaliación preliminar, unha baixada de ingresos do 42% e desde a Asociación Empresarial de Festivais de Galicia aínda non saben que festivais se van a poder realizar.

DEMANDAS DO SECTOR

Ante esta situación, as demandas do sector oriéntanse a un "gran pacto con conexións nacionais e internacionais", que podería "ser un acicate do desenvolvemento económico e social de Galicia nos próximos anos". En paralelo, solicitan facer cambios na contratación pública e a Seguridade Social, o financiamento empresarial, as subvencións públicas ou a modificación dun marco fiscal de tributación adaptado á súa singularidade. Neste último aspecto chaman, en concreto, á redución do IVE de entradas e contratacións artísticas.

Ademais, insisten na pertinencia de accións concretas, como a reprogramación das actuacións suspendidas temporalmente, o pago anticipado dunha parte das actuacións aprazadas e a execución íntegra do orzamento de gasto no sector asignado polas diferentes administracións públicas para o 2020.

Do mesmo xeito, tamén reivindican unha política cultural afastada da gratuidade porque, segundo o estudo, "non resultaría un estímulo sustentable". Neste aspecto, non consideran que o streaming sexa unha alternativa á música en directo xa que “este tipo de contidos en moito casos non ten a calidade suficiente”, á marxe dos problemas legais que carrexan este tipo de difusións.

Neste contexto, segundo o informe, O Xacobeo "apúntase como unha oportunidade para canalizar axudas para empresas e artistas galegos, pero tamén como un acicate para o turismo e a cultura". Para iso, o sector considera que é necesario "protexer o patrimonio cultural propio, máis que pensar en grandes estrelas do panorama internacional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta