Portátiles e conexión móbil gratis para garantir a equidade docente dos estudantes da USC

A Universidade de Santiago impulsa un plan propio para dotar de equipamento informático ao seu alumnado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2020 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A USC dotou de equipamento informático e de conexión a servizos de rede a todo o alumnado que o solicitou por mor da crise do coronavirus. A través do Fondo Supera COVID-19, impulsado polo Banco Santander, CRUE e CSIC, a Universidade compostelá deseñou un proxecto co que dar resposta ao colectivo de estudantes que se atopan dentro da denominada fenda dixital coa intención de buscar solucións tecnolóxicas estandarizadas. 

Unha estudante utiliza o seu computador portátil. UNIVERSIDADE DE VIGO
Unha estudante utiliza o seu computador portátil. UNIVERSIDADE DE VIGO

“Fortalecer a actividade docente non presencial en condicións de equidade para todo o estudantado constituíu o obxectivo principal desta iniciativa da que o Fondo COVID-19 financiou o 90%, mentres que o resto cubriuse con recursos propios”, apunta a USC nun comunicado. Deste xeito, os mozos e mozas que o solicitaron teñen acceso ata o mes de xullo a 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. 

Ademais, a USC cofinanciou o acceso á Rede do alumnado a través de tres convocatorias dotadas con 60.000 euros cada unha. A última delas, mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 19 de xuño. Polo de agora, preto de 2000 persoas téñense beneficiado xa desta iniciativa.

Por outra banda, a universidade santiaguesa informa que tamén acaba de presentar ante o Fondo un proxecto de Teleformación no Sistema Universitario Galego xunto coas universidades da Coruña e Vigo. Este proxecto aborda unha serie de actuacións orientadas a prolongar unha situación de docencia non presencial non só ata o final deste curso académico, senón que quere definir asemade accións que permitan preparar situacións de excepcionalidade no curso 2020-2021. As actuacións abarcan os eidos da ciberseguridade, teleformación e atención ao usuario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta