O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro iniciará o seu programa de actividades o 19 de xuño

A programación, que suma novas actividades ás doutros anos, desenvolverase de martes a domingo e terá como prioridade propor unha oferta cultural segura en consonancia coas medidas actuais da emerxencia sanitaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2020 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, dependente da Xunta de Galicia, iniciará o próximo 19 de xuño a súa programación especial de verán con distintas actividades de lecer familiar.

A programación, que suma novas actividades ás doutros anos, desenvolverase de martes a domingo e terá como prioridade propor unha oferta cultural segura en consonancia coas medidas actuais da emerxencia sanitaria.

Ao respecto das novidades, as familias poderán escoller cada día entre dúas opcións: 'Petroquiz', unha visita guiada que termina nun concurso de preguntas, e que será todos os dias ás 18,00 horas; e o 'Diario Perdido', que consiste nun circuíto exterior para descubrir de forma autónoma e sen límite de tempo diferentes aspectos da prehistoria de Galicia, para o que fai falta completar a páxina dun antigo diario de campo.

Así mesmo, o público xeral ten a posibilidade de realizar todos os días a visita clásica, ás 12,00 e ás 19,30 horas, que inclúe un percorrido polos principais petróglifos do parque.

Os fins de semana haberá, ademais, outras opcións, como 'Atardeceres' (os sábados ás 19,00 horas) ou 'Noitepedras' (os venres ás 22,00 horas), que consiste nunha experiencia lumínica e guiada nocturna. Nesta ocasión, ambas incorporan novidades, Atardeceres cun novo itinerario e temática, e Noitepedras con luces led con filtros de diferentes cores.

A programación do verán 2020 foi deseñada para cumprir as medidas de seguridade necesarias relacionadas coa pandemia de COVID-19, polo que é necesario reservar praza para as actividades a través do teléfono 886 151 195 ou ben no correo reservas@paar.es.

Petroglifos en Campo Lameiro
Petroglifos en Campo Lameiro | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta