Hórreos en píxeles: a arquitectura tradicional galega cobra vida en Minecraft

Gabriel García Rodríguez, fundador da canle de YouTube Minecraftéate recreou estas construcións tradicionais da nosa terra no videoxogo máis xogado do mundo co obxectivo de preservar a súa memoria e concienciar sobre o seu valor cultural. Cada obra levoulle arredor dunha semana de construción.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/05/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Os hórreos parécenme unhas construcións curiosas dende o punto de vista arquitectónico e hai moitos que se están perdendo, así que ocorréuseme recrealos en Minecraft para visibilizar a súa existencia e intentar concienciar sobre a importancia de conservalos". Así resume Gabriel García Rodríguez o xermolo dunha idea coa que conseguiu unir dous mundos que, a primeira vista, non teñen moito que ver: o do patrimonio arquitectónico tradicional galego e o do universo pixelado do videoxogo Minecraft. Nun momento no que moitas destas estruturas tradicionais corren o risco de desaparecer, ben polo abondono do rural ou polo descoñecemento do seu valor cultural, Gabriel decidiu empregar unha ferramenta aparentemente afastada deste contexto para poñer o foco sobre elas. A través do videoxogo máis vendido da historia, e cunha combinación de paixón polo detalle e interese pola divulgación, este creador de contido está achegando un ben que debemos preservar ás novas xeracións.

Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft
Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft | Fonte: Cedida

A súa familia é do País Vasco e iso levou a que Gabriel sempre se sentise atraído polo norte. Ademais, a través da súa canle de YouTube Minecraftéate leva xa 10 anos recreando diferentes arquitecturas. Así, foi a través de vídeos de youtubers galegos e asturianos como Hilux_Aventura e Explorando Ángel, que centran o seu contido en dar a coñecer vilas e aldeas abandonadas, que comezou a fixarse nos hórreos, esas construcións típicas pensadas para gardar o gran e protexelo da humidade e dos roedores. A súa diversidade e riqueza formal non o intimidaron, máis ben ao contrario, foron o punto de partida dun proxecto que combina creatividade, paixón e divulgación. Con máis dunha década de experiencia xogando a Minecraft, Gabriel decidiu lanzarse a recrear hórreos galegos e asturianos a partir de fotografías atopadas na rede, o cal lle dá moito traballo. Cada modelo lévalle arredor dunha semana de construción, que el reparte en sesións de unha a tres horas ao día despois de saír do traballo.

"Teño que escoller unha paleta de materiais coas texturas e cores que máis se parezan ao edificio real e, como Minecraft só ten cubos, non hai formas curvas, fago as construcións ao maior nivel de detalle que permite o xogo, para lograr o máximo realismo posible", explica, confesando que, ademais, "sobre todo ao comezo, tes que avanzar a base de proba e erro, de maneira que moitas veces tes que derrubar o que xa tiñas construído, porque ves que non queda ben, e volver comezar". Polo tanto, ademais de empeño, hai que poñerlle paciencia. Iso si, os resultados finais foron moi ben acollidos nas redes sociais. Nun dos seus vídeos en Tik Tok explicando o funcionamento e a historia dos hórreos galegos, de feito, acadou máis de 8.000 reproducións e uns 900 'me gusta'. "Fixen un vídeo xeral en YouTube e logo fun subindo fragmentos máis curtos a redes sociais centrados en hórreos concretos", conta. Pero Gabriel non se limita simplemente a ensinar as súas creacións, senón que ademais redacta un pequeno guión divulgativo sobre as mesmas, adaptado para que o poida entender calquera persoa, e nárrao el mesmo.

De cara ao público xeral, outro gran atractivo do seu proxecto é que para facelo serviuse do xogo base, non empregou 'mods' nin outras ferramentas externas, polo que calquera persoa cun Minecraft básico podería intentar facer algo semellante. "Só é cuestión de poñerlle empeño, fixarse ben e practicar", asegura. De feito, Gabriel tamén foi quen de recrear outras construcións coñecidas de Galicia, como a Torre de Hércules ou o Concello da Coruña, entre as máis de 200 que leva feitas de diferentes partes do mundo ao longo destes 10 anos de vida da súa canle de YouTube. "A Torre de Hércules fíxena en dúas semanas, pero o Concello da Coruña levoume tres meses, porque é enorme e está cheo de detalles", lembra. E, de cara ao futuro, Gabriel ten na mente seguir explorando a arquitectura popular galega e asturiana. Dende o Galicia Confidencial xa lle propuxemos a idea de intentalo cos cruceiros, que tamén están a vivir na actualidade un forte proceso de recuperación patrimonial.

Polo de agora, mantén todas as súas creacións gardadas con copias de seguridade para evitar perder o logrado despois de tantas horas de traballo. Cada hórreo, cada torre, cada detalle está protexido coma unha pequena xoia dixital. Quen sabe, igual algún día podemos contar cun catálogo completo da arquitectura popular feito integramente en Minecraft, mesmo cun mapa real polo que poder moverse libremente e ir vendo estas construcións recreadas con tanto mimo no xogo. A idea, que soa a ciencia ficción de primeiras, está máis preto do que parece cando se coñece o nivel de detalle e rigor co que traballa Gabriel. E é que, máis aló do xogo, o proxecto Minecraftéate é unha ponte entre xeracións, territorios e linguaxes que demostra que Minecraft pode converterse tamén nunha ferramenta educativa que xa se está probando en centros escolares para apoiar aos estudantes en distintas materias. Un xeito novidoso, creativo e fondamente simbólico de manter viva a memoria do noso patrimonio... cubo a cubo, píxel a píxel.

Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft
Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft | Fonte: Cedida

Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft
Hórreo galego recreado por Gabriel García, da canle de YouTube Minecraftéate, no videoxogo Minecraft | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta