Cando a neve era tan cotizada como o ouro en Galicia: Así se xestionaba este prezado ben

O arqueólogo Luis Cordeiro Maañón explica que estas estruturas “son depósitos artificiais deseñados para recoller, almacenar e conservar a neve dos meses fríos para o seu uso posterior durante o verán”

Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/05/2025 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A recente intervención arqueolóxica na neveira de Pardeconde, situada en Xunqueira de Espadanedo, permitiu achegar novos datos sobre o funcionamento dunhas instalacións que foron esenciais para o abastecemento de neve e xeo a núcleos urbanos como Ourense durante os séculos XVII e XVIII.

Neveiro de Pardeconde
Neveiro de Pardeconde | Fonte: Mariña Muñoz

O arqueólogo Luis Cordeiro Maañón, responsable do proxecto, explicou que estas estruturas “son depósitos artificiais situados en zonas elevadas, deseñados para recoller, almacenar e conservar a neve dos meses fríos para o seu uso posterior durante o verán”.

A neveira de Pardeconde, segundo Cordeiro, responde ao esquema construtivo habitual deste tipo de estruturas: “un foso escavado na rocha e revestido con muros de cachotaría”, ao que posteriormente se lle engadiu “unha cuberta en forma de cúpula”, resultado neste caso dunha importante reforma acometida entre 1734 e 1735. Dentro da neveira, a neve era depositada en capas compactadas, alternadas con materiais vexetais, para formar bloques de xeo que se conservarían ata os meses máis cálidos.

O xeo, unha vez formado, era extraído e trasladado durante a noite en carros ou mulas cara ás cidades, tentando minimizar a perda da carga, que podía oscilar entre o 35% e o 50%. Segundo unha aproximación histórica presentada por Andrés Sampedro Fernández, este produto destinábase tanto á refrixeración e conservación de alimentos como de bebidas, un uso que chegou a Europa dende Oriente Próximo e mesmo a usos médicos. Trátanse duns depósito que, segundo sinala Sampedro, son o antecedente directo dos refrixeradores modernos.

Unha infraestrutura xestionada polos poderes eclesiásticos

A importancia da neveira de Pardeconde vén avalada pola documentación conservada, en especial polos estudos de Miguel Ángel González García, que recollen a relación contractual entre o Cabido da Catedral de Ourense e o Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. “A finais do século XVII, o Cabido tentou sen éxito construír unha neveira propia, optando finalmente por arrendar o pozo de neve do mosteiro de Xunqueira”, explicou Cordeiro.

A documentación sinala que, aínda que o Cabido se refería ao pozo como propio, realmente pagaba un foro anual de 60.000 reais ao mosteiro. A conservación da neveira, segundo recollen as actas capitulares, requiría labores constantes de mantemento, incluíndo reparacións da cuberta e dos muros para garantir a súa funcionalidade.

De feito, unha grande parte das neveiras que se atopan en Galicia foron xestionadas ou explotadas por mosteiros e servían, en parte, para abastecer á comunidade local e tamén ás cidades máis grandes.

As reformas e o proceso de identificación arqueolóxica

Durante a intervención arqueolóxica, detectouse o desprendemento completo da antiga cúpula, reformada en pedra a mediados do século XVIII. A escavación confirmou tamén a existencia de dúas entradas diferenciadas: unha para o acceso dos traballadores e outra para introducir a neve.

Segundo Cordeiro, “a tipoloxía construtiva e os detalles das entradas coincidían coa descrición histórica, reforzando a identificación deste sitio co neveiro mencionado nos documentos”. Outras dúas neveiras próximas, localizadas no termo municipal de Parada de Sil, aínda pendentes de estudo en profundidade, apuntan á existencia dunha pequena rede de neveiras no contorno da Cabeza de Meda, unha zona que tamén recibe o nome de Pozos da Neve.

O estudo da neveira de Pardeconde insírese nun contexto máis amplo de redescubrimento das neveiras galegas. “Identificáronse fisicamente xa máis de 25 neveiras en Galicia, aínda que se calcula que existen moitas máis, coñecidas só a través de referencias documentais ou a través da toponimia, como ‘Monte Naveira'”, afirmou Cordeiro. A maior parte destas estruturas, salientou, están vinculadas a comunidades monásticas, a diferenza doutras zonas de España onde predominaban as iniciativas privadas.

Malia a súa importancia histórica e etnográfica, o arqueólogo recoñece que “as neveiras seguen sendo pouco coñecidas e valoradas dentro do noso patrimonio cultural”, e reclama a necesidade de realizar estudos sistemáticos que permitan catalogalas, protexelas e darlles visibilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta