Política Social di que abirán os centros de día cando teñan material e protocolos da Consellería de Sanidade

Non descarta que poidan ir abrindo antes se adaptan o seu funcionamento á nova normalidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2020 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, explicou este luns que a previsión de abrir centros de día para maiores en setembro é "un horizonte temporal" e que poderán reiniciar a súa actividade antes se, unha vez conclúa a formación do seu persoal, dispoñen de protocolos e material de protección cos que Sanidade dea o visto e prace á súa reactivación.

Nunha rolda de prensa en Santiago e a preguntas dos medios, a conselleira lembrou que as persoas maiores son "o sector máis vulnerable" fronte á COVID-19, e que os centros de día implican a convivencia deste colectivo "oito horas ao día" en situacións que fan difícil gardar sempre a distancia de seguridade.

Por iso, a Xunta decidiu que non reabrirán a súa actividade --fóra de terapias individuais con previa cita-- ata que conten con persoal formado, protocolos de actuación visados por Sanidade e suficiente material de protección fronte á COVID-19.

En principio, explicou a conselleira, marcouse setembro, do mesmo xeito que as escolas infantís, como "horizonte temporal", aínda que non descartou que poidan ir abrindo antes se adaptan o seu funcionamento á nova normalidade e contan co visto e prace de Sanidade.

Dentro deste proceso, este luns comezou a formación específica do seu persoal, que durará un tres semanas. Unha vez "termine este proceso", destacou Fabiola García, poderá comezarse "coa desescalada" dos centros de día que conten cun protocolo de actuación adecuado e aos que a Xunta proporcionase suficiente material de protección. En todo caso, explicou que é "complicado dar unha data concreta".

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra.. XUNTA - Arquivo
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita o centro de día da Pobra.. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta