Feijóo xa non pon límites aos turistas que veñan: "Serán recibidos cos brazos abertos"

Garante "hospitalidade" aos turistas que cheguen, aínda que insiste en pedirlle ao Goberno central un novo protocolo en caso de rebrotes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2020 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este venres os datos de incidencia da pandemia cos que chega Galicia ao momento no que se reabrirán as fronteiras entre provincias en España, á vez que aproveitou para garantir "hospitalidade" aos turistas que cheguen á Comunidade, que "serán recibidos cos brazos abertos", pero tamén para pedir "cautelas".

De feito, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego aproveitou para volver urxir ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez a elaborar un plan fronte a rebrotes con premisas comúns para todo o territorio. E ademais, tras rexeitar as críticas por "xenofobia" ou "madrileñofobia" que lle atribuíron algúns dirixentes, insistiu en que todos os visitantes serán "ben recibidos" e en que "o único" que lles pide é que, ante o "mínimo síntoma" covid se poñan en contacto co Sergas.

Con tal fin, ratificou que contarán cunha guía de actuación e cun teléfono de atención específico que se porá en marcha en breve, e mediante o que se poderá realizar "a primeira consulta" posto que os visitantes "non teñen por que coñecer as localizacións dos centros de saúde".

De entrar no circuíto covid, practicaráselles o PCR nos tempos prefixados de "24 ou 48 horas" e, se desen positivo, procederíase a decretar o illamento inmediato do afectado en cuestión e das persoas coas que mantivese contacto estreito (xa sexa con quen viaxa ou con quen estivese vinculado de forma próxima en Galicia).

Máis aló, Feijóo celebrou os datos cos que chega Galicia á reapertura de fronteiras. "O Goberno asina con ter os datos que temos agora o próximo ano e medio", sentenciou e, ademais de insistir no plan nacional de rebrotes, pediu "cautelas", responsabilidade individual e manter as pautas de seguridade sanitaria.

Finalmente, non ocultou a súa preocupación polo feito de que o 21 de xuño tamén se vaian a reabrir as fronteiras europeas, coa excepción de Portugal, "sen limitacións" e "a pesar" de que o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, apelou a evitar incluso os movementos entre provincias se non son imprescindibles.

Feijóo no Consello da Xunta. Xunta de Galicia
Feijóo no Consello da Xunta. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 touro sentado do finisterre

isto vai ser a procesión a virxe de Lourdes... os de mandriles saltaron un-ha fase enteira e xa se meten a nova normalidade a fase 3 non existiu en mandriles... ainda teñen mortos polo covid-19 o gobernó di agora de 1.100 mortes mais... isto e un cachondeo, un recochineo contra os galegos... xa veredes... xa veredes... o único que nos queda os mais sensatos, entre o minoritario e selecto grupo no que me atopo en convocar danzas da choiva!!!!