Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/01/2013 | Actualizada ás 08:00
O 15 de xullo de 2012, poucos meses despois da trascendental asemblea do BNG en Amio, nacía Anova-Irmandade Nacionalista, unha formación que saía cimentada baixo as bases da "radicalidade democrática", "republicanismo", "ecoloxía", "soberanismo" e "loita contra calquera tipo de discriminación".
Desde entón e ata hoxe, a organización desta nova formación camiña moi lentamente, tan lentamente, que a súa primeira gran asemblea non terá lugar ate, probablemente, finais da primavera, a pesares de que un dos acordos acadados antes das pasadas eleccións é que sería a principios de ano cando tería que estar listo este proceso. Antes, a mediados de febreiro, está previsto o remate definitivo do seu mapa comarcal.
Retrasos
A maior parte dos dirixentes consultados por GC coinciden en que o proceso de consolidación de Anova vai "retrasado", aínda que suiñan que é un proceso que "leva o seu tempo" para que sexa "duradeiro no tempo". E é que, toda a organización de Anova vai cimentada nun proceso asembleario que precisa de tempo para a súa consolidación.
A nivel organizativo, a nova formación está gobernada por unha Coordinadora Nacional de 75 persoas. Precisamente, a elección desta coordinadora provén dunha lista pactada entre as máis de 40 asembleas locais que colaboraron no que se chamou Novo Proxecto Común. Nesta coordinadora están dirixentes do Encontro Irmandiño, da Fronte Popular Galega (FPG), do Movemento pola Base (MpB), do FOGA, Nova Esquerda Socialista ou Unidade da Esquerda Galega, entre outros colectivos. Esta coordinadora, que xa tivo sete xuntanzas, ten poder decisorio. Un poder executivo que non ten a Permanente, composta por 17 membros, pero que leva o día a día das accións da formación.
Normalidade
"Non hai retrasos. É un proceso que se ten que ir consolidando e que xa estaba programado", apunta Mario Lopez Rico, membro da permanente de Anova. "É un proceso medido e que leva o seu tempo. Imos celebrar xuntanza en febreiro para convocar xa a asemblea", engade o alcalde de Teo, Martiño Noriega.
"Non é salientable se o proceso remata en febreiro ou en abril. O noso é un proceso político novidoso e é dificil chegar a consensos, por iso leva o seu tempo", sinala Tino Lago, membro da permanente. "Aínda que vaia con retraso o importante é consolidalo", engade Mariano Abalo, da FPG. "O que hai que facer é consolidar o mapa municipal e logo facer que a militancia participe das decisións da coordinadora e da permantente", engade un dos líderes carismáticos da esquerda no Morrazo que defende a importancia do asemblearismo.
Coinciden tamén en que o proceso vai con retraso Óscar Lomba, de Unidade da Esquerda Galega, e Lois Pérez Leira, de Nova Esquerda Socialista. "Hai que combinar as decisións organizativas coa vontade da asemblea", sinala Lomba. "O certo é que Anova é un movemento que ten as súas complexidades porque é un partido-movemento-fronte co que iso conleva", apunta Pérez Leira.
Toma de decisións
Sen embargo, non son poucos os dirixentes de Anova consultados que amosan certas críticas co sistema de toma de decisións e con certas manifestacións ou actos públicos e insisten na necesidade de que "se conte coa organización". Precisamente, as últimas declaracións de Beiras sobre a necesidade de deixar nun segundo plano o soberanismo, non foron ben interpretadas por todos os sectores de Anova.
"Nós somos un grupo moi amplo e hai moitas sensibilidades", sinala Pérez Leira. E, unha desas "sensibilidades", precisamente, é a do soberanismo. "A nosa aposta segue sendo unha aposta galega, soberanista e antisistema pero tamén hai que entender, tal e como di Beiras, que nestes momentos non ten cabida unha declaración soberanista", engade Abalo. "Está claro que nunca imos deixar de reclamar a autodeterminación", engade Pérez Leira. Outra cousa son os momentos políticos para facelo.
Por iso, a maior parte dos dirixentes consultados insiste na necesidade de que sexa a militancia a que se pronuncie sobre cuestións de calado político e critican que haxa "un grupiño" que queira controlar a organización.
Unidade con EU
Precisamente, unha das cuestións "máis sensibles" dentro de Anova é a unidade de acción con EU. E, aquí, as divisións son patentes xa que un grupo aposta por manter a independencia de Anova e só pactar con EU cuestións estrictamente parlamentarias, mentres que outros dirixentes son máis partidarios de extender a unidade con Esquerda Unida máis alá do pacto.
"O pacto con EU é só no Parlamento", asegura un membro da permanente consultado. Precisamente, este é a idea que transmitiu Xosé Manuel Beiras este domingo. "Non hai que poñer o carro diante dos bois", dixo o líder de Anova sobre ampliar os acordos con EU a outros ámbitos. "Non hai unha posición clara de converxencia con outras formacións e iso pode dar lugar a equívocos", apunta un dirixente consultado. "Hai que tirar cara a un Frente Amplio, como en Uruguai e non fecharse", asegura outro. "Quen non afortala a unidade de acción igual son algúns nolstálxicos do BNG que só pensan en carguiños", apunta un terceiro.
Con todo, hai outros membros da permanente que, a pesares de opinións persoanais, insisten en que a decisión de extender o pacto con EU dependerá do que decida a asemblea. "A coalición actual con EU e técnica pero se a asemblea decide ampliala pois haberá que respetar a horizontalidade das decisións", sinala.
Asemblearismo
A pesares da lentitude do proceso de consolidación de AGE, todos eles coinciden na necesidade de asentar este movemento e aproveitar o seu éxito electoral. Por iso, suliñan a importancia do asemblearismo. "A nosa aposta é que as decisións internas sexan refrendadas pola asemblea. Pode haber certos erros iniciais, xa que nos temos que asentar como forza política, pero agardamos que se superen grazas á participación colectiva", afirma unha das fontes consultadas.
Sem embargo, hai quen apunta que "pactar todo en asembleas tamén ten os seus riscos", xa que ralentiza o proceso de toma de decisións. "Está claro que fai partícipes aos militantes de todo o que fai a organización, pero tamén implica procesos lentos e, mesmo arriscados, xa que a xente pódese queimar antes de tempo", conclúe outro dirixente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.