Como é natural, o anuncio do aínda Secretario Xeral provocou un aluvión de reaccións, desde o entusiasmo de quen perciben a máxima "un militante, un voto" como elemento central da renovación do socialismo ao escepticismo daqueles que lembraron a Vázquez pasados compromisos incumpridos e que se preguntaban como ía resolver a Executiva galega a discrepancia entre as palabras de Pachi e a letra dos Estatutos Federais e Nacionais.
Certo que das palabras aos feitos hai un longo treito e o actual Secretario Xeral non sempre acomodou as súas proclamas ás súas decisións. No Congreso Federal de Sevilla nin Vázquez nin as súas persoas de confianza apoiaron a proposta de modificación estatutaria, que agora permitiría proceder á elección directa da Secretaría Xeral sen problema algún. Tampouco no Congreso Galego -a pesar do seu discurso como candidato en defensa das Primarias- a maioría que sustenta á actual Executiva Nacional aceptou cambio algún nos Estatutos e a posterior xestión das candidaturas autonómicas "aclamación incluída" non parecen o seu mellor aval.
Con todo, resultaría inconcibible pensar que un compromiso adquirido de maneira pública e expresado con tal rotundidade, fose un bluff ou que un Secretario Xeral realizase unha afirmación de este calibre sen ter acordado coa Executiva Federal -da que el mesmo forma parte- o proceso e a maneira de levalo a cabo. A ansia de participación da militancia, expresada "nun militante un voto" é de tal magnitude que xogar con ela ou frustrala xeraría un dano de incalculables consecuencias para a organización.
Por tanto, non podo crer máis que antes do próximo verán os socialistas galegos teremos a oportunidade de elixir a quen ostente a Secretaría Xeral votando todos e cada un dos militantes. Dita elección, como é natural, será no marco dun Congreso que, debe achegar máis respostas que un nome propio. Aproveitar a ocasión para xerar propostas de futuro e de presente que nos permitan recobrar unha parte da confianza cidadá perdida é imprescindible. Propostas que falen dunha ambiciosa reforma institucional, dunha nova planta municipal, de dinamizar os nosos sectores produtivos ou de como conxugar as dificultades económicas co mantemento dos sistemas públicos de Benestar. É posible estatutariamente e incuestionable neste momento político, que un Congreso Extraordinario termine coa provisionalidade derivada do resultado electoral e permita, ao tempo, xerar un discurso propio, con respostas para o momento actual, ao tempo realista e audaz e, sobre todo, crible.
As Primarias non son a solución, evidentemente, do deserto que atravesa o Partido. Nin sequera están exentas de riscos nin de incógnitas para as que haberá que elaborar solucións finas e traballadas. Como elixir á nova Executiva?, como xestionar unha posible bicefalia?, como manter a tradición de acordos e consensos nun sistema de elección directa? (tradición, en todo caso, que o PSdeG non seguiu nas súas últimas citas congresuais nacionais ou provinciais). Seguramente aos cidadáns interesaralles máis que acertemos nas respostas aos seus problemas que no modelo interno que elixamos, pero é certo que mellorar e ampliar a democracia interna significa mellorar a ferramenta que temos para ser útiles socialmente.
En todo caso, non esquezamos que as Primarias esixen tamén unha nova cultura política e democrática, unha cultura de respecto a quen lexitimamente opta a unha elección directa. En USA, Obama e Clinton enfrontáronse a cara de can; finalizadas as Primarias, o xa Presidente nomeou á súa opoñente Secretaria de Estado. Que diferente do trato que recibiron aqueles deputados autonómicos que tiveron a "ousadía" de enfrontarse aos aparellos nacionais ou provinciais. Como vemos, as Primarias ofrécennos unha enorme oportunidade de aprender. Estou segura de que saberemos aproveitala.