Galicia non foi allea á chegada da esquerda aos concellos. Así, entre o 79 e o 83 as forzas progresistas acadaron o Goberno local en moitos municipios pequenos e medianos e na meirande parte da Galicia urbana. Ferrol, Santiago, Vigo e, nomeadamente, A Coruña e a súa área metropolitana, convertéronse durante anos na oposición “oficiosa” á dereita e ao “fraguismo”. O PSdeG medrou canda o seu poder municipal e, malia algunhas diverxencias puntuais –que deron máis titulares que problemas-, dos concellos saíron experiencias, propostas e referentes políticos arredor dos que agromou unha alternativa que foi quen de gobernar o país.
Trinta e catro anos despois, o municipalismo vive os tempos máis difíciles. Golpeado pola crise, orfo dun financiamento que nunca chegou e ferido por algúns casos de corrupción, o poder municipal converteuse no gran obxectivo do PP. Coa austeridade por bandeira e a crise coma desculpa, a dereita apunta aos concellos, tentando limitar a súa autonomía e consolidando as deputacións como referentes no eido local. Non é economía; é ideoloxía. Ideoloxía e estratexia política: tradicionalmente o PP galego obtén os seus peores resultados nos concellos.
Fronte á proposta conservadora de “Reforma” da Administración local, os socialistas temos a obriga moral e política de presentar batalla. Ten sido no ámbito municipal onde a cohesión social e a igualdade entraron na axenda política, grazas aos socialistas. Foi nos concellos onde puxemos os vimbios dunha sociedade xusta, solidaria e progresista. Son, os gobernos locais progresistas, os que garantan hoxe a pervivencia dos servizos públicos fondamente ameazados pola dereita. Todo isto está en perigo coa reforma que propón o PP. Xa que logo, fagamos unha proposta rigorosa, realista e audaz; unha proposta que garanta a sostibilidade municipal, a calidade dos servizos públicos e os dereitos dos cidadáns.
Os rigores económicos e a procura da eficiencia demandan a delimitación dunha nova pranta municipal, avaliando as fortalezas e debilidades de cada concello e deseñando un mapa local que concorde coas esixencias da austeridade pero tamén coas necesidades dos veciños e veciñas. A necesidade dunha gobernanza supramunicipal útil, non debe usarse para o fortalecemento das Deputacións. A economía dos recursos públicos non pode significar nin unha redución nin unha privatización daqueles servizos que garanten os dereitos sociais. O aforro non pode lexitimar unha disminución en termos democráticos.
Propoñemos, pois, un grande acordo para deseñar un novo mapa local; a eliminación das Deputacións provinciais e a promoción daquelas fórmulas de cooperación entre concellos que faciliten a provisión de servizos públicos e a eficiencia dos mesmos: consorcios, agrupación de municipios, áreas, fusións, etc. Propoñemos unha mellora na transparencia local aproveitando a modernización da súa administración –Concellos 2.0, concellos transparentes e participativos-. Propoñemos unha nova distribución de competencias, có recoñecemento da capacidade local para xestionar os servizos sociais, educativos, cívicos e culturais de tipo comunitario. Propoñemos, pois, máis proximidade, máis axilidade, máis transparencia, máis participación, … máis democracia. Máis e mellor municipalismo.