A Covid retrocede tralo repunte da fin de semana: oito casos menos nas últimas 24 horas

Os contaxios activos sitúanse así en 335 logo de chegar ós 343 por un rebrote na Barbanza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2020 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

O repunte de Covid reflectido nos datos do Sergas do luns 22 semella ter perdido forza, polo de agora. Logo dun aumento de casos que veu a romper a tendencia descendente, o número de contaxios contabilizados volve a caer e sitúase en 335 persoas, 8 menos que as rexistradas o luns 22.

Desinfección na entrada do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo
Desinfección na entrada do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez

Paralelamente, os datos recollidos pola Consellería de Sanidade contemplan un aumento de persoas curadas, sendo xa 10.545 -10 máis que onte- as que superaron a enfermidade en Galicia. Nos datos actualizados polo Sergas tamén se indica que, do total de pacientes positivos, só catro permanecen en unidades de hospitalización, mentres que as UCIs galegas seguen sen casos.

Dos 335 casos positivos, 138 corresponden á área de Vigo --os mesmos que o luns--; 108 á da Coruña e Cee --dúas menos--; 31 á de Santiago e Barbanza --tres menos--; 21 á de Ourense --tres menos--; 17 á de Lugo --sen cambios--; 12 á de Ferrol --igual que hai 24 horas-- e oito á de Pontevedra --sen cambios--.

REBROTE NO BARBANZA

O descenso de casos chega como unha boa nova logo do repunte rexistrado polo Sergas nos datos do luns 22. Este crecemento repentino debeuse a un rebrote rexistrado na comarca do Barbanza que afectou a 9 persoas.

Sanidade sinala que, ata a data, curáronse en Galicia 10.545 persoas e faleceron 619 pacientes. A última vítima foi notificada o pasado 10 de xuño, un home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta