Por Alberto Quian | Madrid | 05/02/2013 | Actualizada ás 14:25
Agora, o Sloppy Joe's reabre as súas portas de novo convertido en icona dunha Cuba que quere seguir abrindo fiestras ao mundo, pero que nada ten que ver con aquela illa na que se instalou hai un século o fundador deste bar emblemático, José Abeal y Otero, un de tantos emigrantes galegos que recalaron en Cuba en procura dunha vida mellor.
A historia de José Abeal e o Sloppy Joe's
A historia do Sloppy Joe's comeza no ano 1919, cando José Abeal y Otero se fixo cun local que até entón fora unha tenda de comestíbeis na Habana Vella. Abeal chegara á illa talvez chamado polos cantos serea da nova Cuba nacida ao amparo da veciña potencia colonial: os Estados Unidos. Chegou en 1904, só dous anos despois da inauguración da República de Cuba, o 20 de maio de 1902, logo da ocupación do Exército estadounidense. Alí, Abeal comezou a traballar como camareiro nun local da zona de Galiano e Zanja, na Chinatown da Habana. Mais pasados tres anos, este emigrante galego decidiu iniciar unha nova aventura cruzando ao continente. Abeal instalouse na incipiente Nova Orleáns, cidade en cuxos subterráneos estaba xerminando un movemento contracultural, unha forza disruptiva arredor duns novos sons que causaría un cambio radical na cultura estadounidense: o jazz. Alí, nos bares da cidade, foi onde Abeal se curtiu como barman en locais nos que o jazz se acompañaba con novos cócteles de licores. Logo de seis anos, marchou a Miami con aquelas receitas e alí probou sorte durante outros seis anos até que regresou a Habana. Seguramente non imaxinaba que acabaría abrindo na capital cubana un dos bares de máis sona no mundo: o Sloppy Joe's.
No seu regreso á illa traballou primeiro como camareiro no Greasy Spoon Café durante uns seis meses, tralos cales decidiu emprender un negocio propio reconvertendo nun bar unha vella tenda de víveres situada na esquina de Zulueta e Ánimas, na Habana Vella. Din as malas linguas que o nome do establecemento débese ao alcume en inglés deste emigrante galego e á fama de desastrado do Sloppy Joe's (o bar de Joe o Desastrado, en galego). E este foi o nome que tamén tomou o sándwich máis famoso do bar, do que se dicía que estaba feito de "ropa vieja".
A sorte sorriulle a Abeal en forma de lei seca naquel ano 1919, cando se ratificou en Estados Unidos a famosa Enmenda XVIII á Constitución que prohibía a fabricación, venda, importación e exportación de bebidas alcohólicas. A partir de entón, e até a súa derrogación en 1933, Cuba converteuse no paraíso dos consumidores estadounidenses e o Sloppy Joe's, nun santuario e nunha das iconas da Habana xunto cos lindeiros El Floridita e La Bodeguita del Medio, dos que era un asiduo cliente Ernest Hemingway.
Daquela dicíase que os estadounidenses que chegaban á Habana tiñan dous lugares preferidos: o Sloppy Joe's e o hipódromo, controlado polo mafioso Meyer Lansky.
Persoeiros
Naqueles anos houbo un efecto chamada que faría deste bar un dos de maior sona tamén entre a xente das artes. Durante e despois da lei seca por alí foron caendo celebridades do dourado Hollywood como Richard Dix, Clark Gable, Errol Flynn, John Wayne, Tyrone Power, Spencer Tracy, Ava Gardner, Don Ameche, Alice Faye ou César Romero, e persoeiros da música como Frank Sinatra e Nat King Cole, ou o escritor Ernest Hemingway, a estrela de béisbol Babe Ruth e o boxeador Joe Louis.
Contan que Hemingway se pasou en varias ocasións polo bar de Abeal acompañado polo seu amigo Joe Russell, dono doutro local tamén chamado Sloppy Joe's Bar en Cayo Hueso (Florida) e cuxo nome tería suxerido o escritor en honor ao emigrante galego.
O bar mesmo chegou a ser o escenario do filme "O noso home na Habana" (1959), dirixida por Carol Reed, protagonizada por Alec Guinness e baseada na novela homónima do autor británico Graham Green. É famosa a imaxe de Hemingway, Guinness e Noël Coward conversando no Sloppy Joe's durante a rodaxe de "Our Man in Havana".
Os cócteles máis famosos
Din que a colección de licores do Sloppy Joe's era impresionante. Dende clásicos da illa como o Cubanito e o Cuba Libre, até novos cócteles importados de Estados Unidos como o Martini, o británico Gin Tonic, o belga Ruso Negro ou o España en Chamas (unha mestura de cognac e sidra). Na súa carta había até 80 variedades de combinados, un deles bautizado "Errol Flynn" en tributo ao ilustre visitante (un vodka xeado con xugo de tomate e adornado con una lanziña de apio).
Mais non só era o licor o que distinguía o bar. O Sloppy Joe's tamén destacaba pola súa oferta gastronómica. Na súa carta eran famosos o guiso de carne bautizado como "Ropa Vieja” e o seu popular sándwich.
Decadencia e recuperación
Na década dos 60, e xa nun réxime político comunista trala Revolución cubana, o bar pasou calamidades e tras unha etapa de decadencia pola falla de clientes angloxasóns, o Sloppy Joe's pechou en 1965, rematando con el unha época na que a bohemia e os mafiosos da potencia colonial tomaran a Habana.
Agora, tras dous anos de traballos de restauración, o Sloppy Joe's Bar volve relucir na Vella Habana (Patrimonio da Humanidade) e con el, un capítulo da historia da emigración galega en Cuba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.