A Xunta Electoral desestima o recurso do BNG contra o tempo que se lle dedica na CRTVG

Di que non se aprecia a "falta de proporcionalidade" que denuncia o Bloque.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral de Galicia desestimou o recurso interposto polo BNG contra o tempo asignado a esta formación no plan de cobertura informativa da Corporación Radio e Televisión de Galicia posto en marcha con motivo das eleccións do próximo 12 de xullo, así como en relación coa petición de debates a dobre volta.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Xosé Luís Rivas 'Mini', en declaracións aos medios á entrada do acto institucional en memoria das vítimas da COVID-19.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Xosé Luís Rivas 'Mini', en declaracións aos medios á entrada do acto institucional en memoria das vítimas da COVID-19.

En concreto, despois de que a formación liderada por Ana Pontón criticase a "falta de proporcionalidade" deste plan, nun acordo con data de este 23 de xuño, a Xunta Electoral ten en conta as alegacións presentadas pola corporación e considera que non se aprecia esta "falta de proporcionalidade".

Así mesmo, en relación á denuncia dos nacionalistas sobre a "insuficiente cobertura da campaña nos telexornais" que lle dedican seis minutos a esta temática, a Xunta Electoral sinala que a propia CRTVG alegou que este tempo é "superior" aos cinco minutos que se lle dedicaban na campaña de 2016.

Ademais, sobre a proposta do BNG de celebrar un debate a dobre volta co obxectivo de garantir a información á sociedade, o pluralismo político e a transparencia, sinala que carece de competencias sobre este punto.

Aínda que si subliña que "é incuestionable que os debates e as entrevistas constitúen un elemento concorrente ao fortalecemento e desenvolvemento do proceso democrático" pero lembra que é unha decisión que lle corresponde ao medio.

A Xunta Electoral de Galicia explica que contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central antes das 14,00 horas do día 24 de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta