O impacto do coronavirus segue presente: Galicia incrementou un 19% o paro en xuño con respecto a hai un ano

Hai 29.405 parados máis que hai un ano, cun total de 184.654, mentres repunta a contratación respecto de maio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2020 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo INEM) en Galicia disparouse en Galicia un 18,94%, con 29.405 parados máis respecto de xuño de 2019. Este incremento está por baixo da subida media no país (+28,09%).

Paro en Galicia en xuño. EPDATA
Paro en Galicia en xuño. EPDATA | Fonte: Europa Press

Unha suba brutal do paro que ten que ver coa crise do coronavirus, aínda que Galicia entrou na nova normalidade o 15 do pasado mes. Deste xeito, Galicia acumula dous meses consecutivos de diminucións do paro --maio e xuño-- tras o impacto do coronavirus desde marzo.

Así, baixou en 6.428 persoas (-3,36%) en xuño respecto ao mes anterior, o que tira un total de 184.654 desempregados, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social publicados este xoves.

Deste xeito, Galicia é a comunidade na que máis baixa o paro en xuño, seguida por Castela-A Mancha (6.212 menos), nun mes con 10 autonomías nas que se reduce o desemprego, mentres aumenta nas sete restantes. A caída galega contrasta coa subida no Estado.

En España, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 5.107 desempregados en xuño (+0,1%), o seu maior repunte nun mes de xuño desde 2008, segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, que destacou que estas cifras "profundan na tendencia de retardación" do ritmo de crecemento do desemprego que se iniciou en maio.

PONTEVEDRA, SEGUNDA MAIOR BAIXADA DO PAÍS

Pontevedra é a provincia na que máis baixa o paro en Galicia, con 3.677 (-4,90%) parados menos, de forma que queda en 71.417 desempregados. De feito, Pontevedra é a segunda provincia na que máis descende o desemprego en España, só por detrás de Cádiz (4.549 menos).

Na Coruña, o paro diminúe en 1.922 persoas (-2,50%) en xuño e queda con 74.895 parados. Séguelle Ourense, 552 menos (-2,66%), cun total de 20.162. En Lugo, retrocede en 277 (-1,50%), cun total de 18.180.

Na comparativa interanual hai un ascenso xeneralizado. Na Coruña, prodúcese unha alza do paro de 13.010 persoas (+21%). En Pontevedra son 10.582 desempregados máis (+17,39%); en Lugo, 3.306 máis (+22,23%); e en Ourense, 2.507 máis (+14,20%).

En Galicia, o desemprego afecta a 79.955 homes e 104.699 mulleres. Do total, 9.371 son menores de 25 anos, con 4.818 homes e 4.553 mulleres.

BAIXA EN TODOS OS SECTORES

Por actividade económica, o desemprego baixa en todos os sectores en Galicia, con servizos á cabeza (5.243 menos). Séguelle: construción (-930), industria (-777) e agricultura (-21).
As cifras totais de parados por sectores son os seguintes: servizos (128.986), industria (20.338), construción (14.668) e agricultura (6.271).

O colectivo de persoas sen emprego anterior son 14.391, 543 máis. Delas, 1.033 son menores de 20 anos. Hai 4.891 homes e 9.500 mulleres.

O desemprego entre estranxeiros ascende a 12.390 persoas, 7.487 delas correspondentes ao sector servizos, 751 á industria, 691 á construción, 737 á agricultura e 2.724 sen emprego anterior.

A cifra de demandantes non ocupados diminuíu en 6.041 persoas respecto ao mes anterior, un 2,97% menos, ata 197.242. Son 29.679 máis que un ano antes (+17,71%). En total, Galicia contabilizou 422.718 demandantes, 198.332 deles ocupados e 27.144 que indicaron na súa solicitude condiciones especiais de traballo.

REPUNTE DE CONTRATACIÓN

Pola súa banda, a contratación repunt en xuño respecto de maio un 76,25%, con 54.414 firmas. Con todo, supón un esborralle de 44.371 en comparación cun ano antes (-44,92%).  A contratación intermensual elévase en todas as provincias galegas, con Lugo á cabeza (+81,55%). No entanto, todas ten un acusado incremento interanual.

GASTO EN PRESTACIÓNS

O gasto en prestacións de desemprego volveu aumentar en maio en Galicia ata supor 271,3 millóns de euros, o que supón unha subida do 4,6% respecto de abril. Esta cifra cuadriplicouse respecto dos 90 millóns que se destinaban en marzo debido ao aumento das prestacións por desemprego e os afectados por ERTE. O feito é que as persoas que están nun ERTE non están incluídas como desempregadas, pero si son perceptores de prestacións. Esta situación provoca que en maio haxa un maior número de perceptores de prestacións (241.045 persoas) que de desempregados (191.082).

A modo de exemplo sobre o impacto do coronavirus pódese observar que en marzo había 104.024 beneficiarios, menos da metade dos actuais. O Ministerio de Traballo publica os datos de prestacións sempre cun mes por detrás (maio) das cifras que ofrece de desemprego (xuño). A media de prestación de desemprego por cada beneficiario en Galicia é de 805,1 euros, por baixo da media española de 817,2 euros.

POSICIÓN DOS SINDICATOS

Os sindicatos maioritarios en Galicia --UGT, CIG e CC.OO.-- achacan a "tímida" mellora do emprego no mes de xuño ao aumento de contratos "precarios" polo fin do estado de alarma.

Nun comunicado, UGT indica que os datos de xuño apuntan o cambio de tendencia pola desescalada e reapertura da economía, pero avisa de que esa recuperación "non se pode facer a base de contratos temporais, tempo parcial, precarios e subemprego". UGT reclama á Xunta un plan de choque polo emprego de calidade para unha reconstrución social xusta tras o impacto do coronavirus.

Pola súa banda, a CIG analiza a "baixada mínima" do paro en xuño en Galicia como consecuencia da "contratación precaria" no sector servizos. Así mesmo, sostén que ese descenso "foi inferior ao habitual" neste período no últimos ano. "Temos diante un panorama moi complicado, con miles de persoas traballadoras sen ingresos ou con ingresos moi precarios, en moitos casos que non permiten nin sobrevivir", chama a atención o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle.

Comisións Obreiras (CC.OO.) cualifica os datos de "positivos pero conxunturais", aínda que cre que se evidencia a necesidade de medidas de apoio á actividade e á creación de emprego, así como que a Xunta realice actuacións de protección social "complementarias" ás que desenvolve o Goberno central.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta