A Coruña reivindica a súa escena cultural en tempos "de extrema dureza"

Traballadores de todos os ámbitos das artes convocan un acto nos Méndez Núñez para apoio ante unha situación que, apuntan, ameaza a súa supervivencia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O sector artístico da Coruña reivindícase este sábado cun acto nos Xardíns Méndez Núñez para destacar o papel "económico e social" dunha área especialmente afectada pola "extrema dureza" da covid-19.

Teatro María Casares. LADIAPO
Teatro María Casares. LADIAPO | Fonte: ASOCIACIÓN DE ACTORES E ACTRICES - Arquivo

A convocatoria, fixada para as 11:30 deste sábado 4 no Palco da Música, coincidirá coa presentación dunha nova plataforma cultural, o VAI. O colectivo agrupa a artistas e demais traballadores de todos os ámbitos, que, baixo a campaña #PolaCulturadaCidade pretenden concienciar sobre as dificultades atravesadas polo sector nos tempos da covid.

En concreto, as demandas do colectivo oriéntanse á defensa dunhas prácticas "xustas, transparentes e responsables" que poñan no centro a "vocación de comunidade". Estas reclamacións serán postas de relevo pola trintena de representates da escena que integran o VAI. Estes abranguen dende o audiovisual, a fotografía e as artes plásticas ata as librerías, pasando pola música e a "cultura tradicional" da cidade.

Á par, o acto nos Xardíns pretende servir como unha chamada á administración para que esta "afronte de xeito urxente" as necesidades dun colectivo que se atopa entre os máis damnificados pola pandemia. "Pode supoñer un antes e un despois na nosa supervivencia", destacan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta