Sánchez apela á mobilización fronte a un PP que non fixo "nada" por Galicia en 30 anos

Os socialistas celebraron este sábado un mitin na Coruña onde o presidente do Goberno tamén acusou a Xunta de "utilizar Alcoa como instrumento electoral".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/07/2020 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, chamou á mobilización nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo convencido de que tras a crise sanitaria se necesitan "gobernos progresistas que dean unha resposta social" fronte a un PP que non fixo "nada" por Galicia en máis de 30 anos de goberno.

"Como é posible que nas eleccións xerais e nas municipais gañe o PSOE, e que nas autonómicas pareza que non gaña o PSOE?", preguntouse para asegurar que as respostas "é moi sinxela" e "chámase participación". Nun mitin con toma de temperatura e distancia de seguridade na Coruña para apoiar a candidatura de Gonzalo Caballero á Presidencia da Xunta, Sánchez asegurou que se había algunha escusa para non participar o próximo 12 de xullo, esta pandemia "eliminouna".

"Necesitamos gobernos progresistas que dean unha resposta á crise económica que temos", incidiu nun discurso no que sostivo que "o único que fai o PP é desmantelar e debilitar o Estado do Benestar". Por iso, asegurou que se o 12 de xullo se mobilizan todos os galegos que votaron por alcaldes socialistas e ao PSOE nas eleccións xerais do ano pasado, "Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta".

Na súa intervención, ademais, cargou contra a postura do PP na Comisión de Reconstrución do Congreso. "Un partido que se autoexclúe dos acordos do Estado deixa de ser un partido de Estado en España e en Galicia", manifestou. Neste sentido, considerou que a dereita "camiña en sentido contrario" e puxo en cuestión que o líder do PP, Pablo Casado, veña a Galicia pero sen "facer fotos" con Feijóo para que os galegos "non se dean conta" de que pertencen ao mesmo partido.

O PP, 30 ANOS "SEN FACER NADA" POR GALICIA

"Imos quitar o logotipo do PP, non vaia saberse que levamos gobernando máis de 30 anos en Galicia sen facer nada, salvo desmantelar o Estado do Benestar", ironizou Sánchez en referencia aos carteis de campaña do candidato popular, Alberto Núñez Feijóo.

Fronte a iso e no contexto dunha "crise sen precedentes", considerou que os galegos poderán elixir "dous camiños" o próximo 12X. "O que xa coñecemos, o daqueles que gobernaron Galicia toda a vida, 33 dos últimos 39 anos; ou unha resposta solidaria do PSOE". "Ou o sálvese quen poida do PP ou o que ninguén quede atrás do PSOE", subliñou.

Sánchez arroupou este sábado na Coruña a candidatura do líder do PSdeG á Presidencia da Xunta nun acto ao que acudiron as cabezas de lista ao 12X polas distintas provincias galegas, Pablo Arangüena (A Coruña), Patricia Otero (Lugo), Marina Oterga (Ourense), así como o propio Gonzalo Caballero, que lidera a candidatura por Pontevedra.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nun mitin co candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, a 4 de xullo de 2020.. M. Dylan - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, intervén nun mitin co candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, a 4 de xullo de 2020.. M. Dylan - Europa Press

ALCOA

Ademais, o presidente do Goberno considerou que non se pode "baixar a garda" ante os rebrotes, aínda que mandou unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, á que pediu que non se deixe "ameazar polo medo". "Hai que recuperar a economía", sostivo. Durante o mitin, asegurou, ademais, que todas as institucións están "mellor dotadas" para poder detectar os rebrotes. 

No mitin, ante o que se manifestaron os traballadores da planta de Alu Ibérica da cidade, antiga Alcoa, e nun contexto no que a multinacional anunciou o despedimento de 534 traballadores en San Cibrao, Pedro Sánchez subliñou o compromiso do seu Executivo co futuro do emprego.

"Temos os traballadores lexitimamente preocupados polo seu futuro inmediato e o que lle pido á Xunta é que non utilice a Alcoa como un instrumento electoral", manifestou o presidente do Goberno e líder do PSOE na Coruña. Neste sentido, tras subliñar que o Goberno de España e o ministerio de Industria traballan polo futuro de Alcoa en Galicia e Asturias, apelou a "traballar conxuntamente" para darlle unha resposta á industria. 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aplaude nun mitin co candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, mentres este saúda, na Coruña (Galicia) a 4 de xullo de 2020.. M. Dylan - Europa Press
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aplaude nun mitin co candidato á Xunta, Gonzalo Caballero, mentres este saúda, na Coruña (Galicia) a 4 de xullo de 2020.. M. Dylan - Europa Press

Precisamente, ao final do acto, os traballadores foron recibidos polo candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, quen escoitou as súas reivindicacións.

GALICIA, A "CAUSA" DE CABALLERO

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas galegos e candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, reivindicou Galicia como a súa "causa" e dixo que, de ser elixido, seguirá sendo un militante "díscolo" sempre que haxa que defender "os intereses dos galegos".

Caballero mostrouse convencido de que "o cambio" é posible despois do 12 de xullo. "Galicia é a miña causa, non escondo nin a miña causa nin o meu partido", dixo contrapóndoo á campaña do candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, con máis presenza da súa imaxe que das siglas populares. "Para saír desta crise, hai que saír pola esquerda", insistiu Caballero nunha intervención na que apelou a "concentrar todos os votos de progreso" para "frear" á dereita. Por iso, instou á "maioría social de progreso en Galicia" a dar "un paso á fronte" para desbancar a un Feijóo "que mente e que recorta", engadiu.

ESTRATEXIA "INDIGNA" DO PP

E é que na súa intervención mostrouse moi crítico coa política de Feijóo, preguntándose "onde están" as residencias públicas para maiores comprometidas nas cidades galegas. "O PP non está en condicións para expor a reconstrución económica e social", manifestou nun discurso no que criticou os "recortes" sanitarios en Galicia, pero tamén a "estratexia indigna e irresponsable" a nivel estatal dos populares.

"Hai que superar os 11 anos da dereita que deixa unha Galicia en todos os indicadores peor". "Galicia necesita progreso e dignidade", expuxo Caballero, para quen "a derrota electoral de Feijóo é máis necesaria que nunca", apostilou nun mitin no que reivindicou o PSdeG como o partido da "xente".

Con iso, incidiu na necesidade "máis que nunca" dun cambio político para afrontar os problemas económicos e sociais en Galicia fronte a un PP "que non dá solución á crise", dixo, citando, entre outros exemplos, a situación da fábrica de Alcoa. Dela, manifestou que foi o Ministerio de Industria "o que se puxo a traballar" fronte a un Feijóo "sen un compromiso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta