Morre un mozo de 20 anos tras unha saída de vía en Melide

O segundo ocupante do vehículo resultou ferido leve mentres a vítima, que conducía o coche, apareceu no asento do copiloto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2020 | Actualizada ás 10:46

Comparte esta noticia

Un mozo de 20 anos perdeu a vida nun accidente de tráfico en Melide ao saírse da vía e envorcar o coche que conducía. O outro ocupante do vehículo, outro home de 22 anos, resultou ferido leve.

Traballadores de ambulancias do 061
Traballadores de ambulancias do 061 | Fonte: xunta.gal

Segundo indica o 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as 23,00 horas da noite do sábado na DP-4604, no viario que une Melide co municipio de Toques. Foi un particular o que chamou á central de emerxencias para alertar da "grave situación" na que se atopaba o condutor.

AtA o punto desprazáronse Protección Civil e os bombeiros de Arzúa, ante a posibilidade de que os ocupantes estivesen atrapados no vehículo. Con todo, unha vez no lugar, comprobaron que a vítima estaba liberada e accesible, aínda que sen vida.

Pola súa banda, o outro ocupante sufriu lesións leves polas que foi atendido e dado de alta por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no mesmo punto do accidente, sen que fose necesario o seu traslado a un centro hospitalario.

En concreto, o 061, tal e como indica, enviou ao lugar unha ambulancia asistencial de servizo vital básico con persoal sanitario da PAC de Melide.

Tamén acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico para aclarar as circunstancias que rodean ao accidente, posto que, segundo explica o 112, "a vítima mortal, que conducía o coche, acabou no asento do copiloto" mentres o segundo ocupante "estaba fóra" e tiña "feridas leves".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta