Gonzalo Caballero pide o adiamento das eleccións na Mariña

Pídelle a Feijóo que compareza na Deputación Permanente. O presidente da Deputación de Lugo tamén llelo pide por carta ao presidente galego.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 09/07/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG ás eleccións autonómicas, Gonzalo Caballero, pediu o adiamento das eleccións autonómicas deste domingo, día 12 de xullo, na zona da Mariña ao considerar que "hai moitas dificultades" para que se celebren con seguridade "sanitaria" e "democrática".

"Pídolle a Feijóo que compareza na Deputación Permanente, que convoque e fale cos partidos para acordar unha folla de ruta que marque un adiamento das eleccións", pediu Gonzalo Caballero este xoves, xornada na que mantivo unha reunión en Lugo cos alcaldes da provincia.

O tamén líder do PSdeG considerou que hai "moitas dificultades" para que os comicios se poidan celebrar con seguridade sanitaria e tamén con seguridade democrática. "Combinar ambas as cousas é complexo e temos que buscar unha folla de ruta compartida", sostivo.

Gonzalo Caballero asegurou que a situación na Mariña é "complexa" e que se debe poñer "por encima" a saúde dos galegos.

O secratario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na sede do PSdeG. PSDEG
O secratario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na sede do PSdeG. PSDEG

A SAÚDE, "POR ENCIMA" DAS ELECCIÓNS

"Non pode haber unhas eleccións, nin un voto, nin un goberno que prime por encima da seguridade sanitaria", expresou o socialista, que afirmou que "o dereito ao voto" ten "complexidades específicas" para aquelas persoas que están en corentena.

"Se optamos por manter todas as garantías sanitarias sen por iso permitir votar a todas as persoas que están en corentena e ser moi extremos, como debemos ser, para a saúde, estaremos a restrinxir a participación e os dereitos políticos", manifestou Gonzalo Caballero, que afirmou tamén que "se se favorecen os dereitos políticos pode haber un risco de flexibilizar as normativas de seguridade sanitaria que están en corentena".

O socialista solicitou a Feijóo que convoque aos partidos "inmediatamente". "E media hora despois de que me chame, estarei sentado co presidente da Xunta para buscar a mellor folla de ruta para solucionar un problema de tanta gravidade", subliñou.

Gonzalo Caballero comprometeu a "responsabilidade crítica" do PSdeG para "colaborar en dar unha resposta aos cidadáns que garanta a saúde e a sanidade de todos e de todas". Todo iso nunha intervención na que lle trasladou o seu "apoio e respaldo" aos veciños e aos rexedores desta zona nuns momentos de "preocupación" e tamén de "indignación" despois de que á Xunta "se lle fose das mans" o escenario de contaxios nesta comarca da costa de Lugo.

JOSÉ TOMÉ PÍDELLO POR CARTA  A FEIJÓO

Tamén o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, considera que a mellor opción é adiar os comicios na comarca mariñá. Así llo trasladou ao presidente da Xunta a través dunha carta na que subliñou que "non se dan as garantías sanitarias suficientes" para poder votar "en liberdade, en igualdade e con seguridade para a saúde".


Nun escrito con data do 9 de xullo, Tomé mostra a súa "fonda preocupación" ante o aumento de casos na Mariña, nunha situación que "pode coartar a vontade de participar nun proceso democrático".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta