Ana Pontón, a muller que fixo renacer o BNG

A formación nacionalista consegue nestas eleccións os mellores resultados da súa historia. Os ollos da súa candidata están xa postos nos próximos comicios, onde agarda, definitivamente, botar a andar esa Galicia liderada por unha presidenta muller e nacionalista.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2020 | Actualizada ás 00:15

Comparte esta noticia

O BNG espertaba nesta xornada electoral albiscando que o día “collía forma de data histórica”. Non errou: a formación superou nestas eleccións incluso a marca de Beiras no ano 1997. A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón --Chorente-Sarria (Lugo), 1977--, logrou situar a formación nacionalista como primeira forza da esquerda co mellor resultado en escanos da súa historia, ao conseguir un total de 19, un máis que o teito electoral cultivado en 1997. Precisamente, aquelas foron as primeiras autonómicas nas que Pontón puido votar.

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á Xunta de Galicia, Ana Pontón, pousa no exterior do Parlamento galego tras unha entrevista para Europa Press, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 22 de xuño de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á Xunta de Galicia, Ana Pontón, pousa no exterior do Parlamento galego tras unha entrevista para Europa Press, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 22 de xuño de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Tras unha campaña centrada na súa figura, Pontón ten catro anos por diante como líder da oposición dunha esquerda que non conseguiu desbancar a Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta e nun escenario de volta á lexislatura de 2009, con só tres formacións políticas. Axiña se esfumou, pois, esa posibilidade de botar a andar unha coalición de esquerdas conformada polo BNG, Galicia En Común e PSdeG que ámbolos tres debuxaban ao longo desta campaña electoral.

O electorado galego depositou nesta formación unha gran confianza que deu un forte impulso aos seus resultados: o BNG suma un total 19 escanos. Un ascenso moi importante respecto das pasadas eleccións (no 2016) onde a formación nacionalista acadara un total de 6 deputados, moi lonxe dos 14 do PSdeG e dos 14 de En Marea. Así pois, desta volta o BNG protagoniza un histórico ‘sorpasso’ aos socialistas, unha situación que non acontecía desde o ano 2001. Aínda así, os resultados do conxunto da esquerda non conseguen superar a forza dominante en Galicia, o PPdeG, que reforza a súa maioría absoluta con 41 escanos.

Ana Pontón aséntase, iso si, como a muller que foi capaz de tomar as rendas do partido, afastalo de loitas internas e impulsalo fronte ás novas formacións que naceron ao abeiro do 15-M. As vibracións eran positivas para o equipo de Pontón dende o comezo dunha campaña electoral absolutamente marcada pola pandemia da Covid e onde a candidata nacionalista optou por unha presentación do proxecto máis personalista. 

"QUERIAMOS SUBIR AO CUMIO E NON CHEGAMOS"

A súa maneira de facer política, distanciada da agresividade e máis achegada á calma, chamou, sobre todo, a atención das novas xeracións. Foi precisamente a elas a quen lles prometeu, durante a súa comparecencia, seguir traballando por botar a andar "políticas diferentes" para construír "unha Galicia mellor, con oportunidades, con futuro". Ana Pontón recoñeceu que querían "subir ao cumio da montaña e non chegamos", pero tamén considera que "empeza unha nova etapa de traballo para que dentro de catro anos Galicia poida ter unha presidenta".

Como primeira forza da oposición e conscientes de que están "máis cerca", asegurou ter "máis motivos para a esperanza" logo de consolidar unha "alternativa sólida ao PP", a quen lle desexa "acertos" para estes tempos convulsos e marcados pola crise sanitaria e económica. "Esta nova etapa require altura de miras, política con maiúsculas. Cómpre poñer este país en pé con políticas diferentes", dixo Pontón. Neste sentido, aludiu directamente ao gran acordo de país pola reconstrución económica. 

Logo dun sentido agradecemento aos votantes e aos militantes da formación nacionalista, Ana Pontón remarcou que o BNG é "a única forza que sobe e que triplica representación". "Este é un gran país que ten todo por gañar. A clave é seguir confiando nas nosas propias posibilidades", sentenciou.

ANA PONTÓN FAI RENACER O BNG

Durante estes seis anos de liderado, Ana Pontón logrou reconstituir a unha organización sangrada por dentro polas escisións de 2012, xa cicatrizadas, e superar unha 'travesía do deserto' na que, no peor momento, conseguiu que o BNG salvase o seu grupo parlamentario con seis parlamentarios conseguidos en 2016. E fíxoo, renovando as caras e situando á fronte das candidaturas a novas mulleres como o son Olalla Rodil e Noa Presas, número uno por Lugo e por Ourense, respectivamente.

Desta maneira, o reto de Ana Pontón, como comentaban algúns colaboradores en días pasados, é consolidarse agora como 'xefa' da oposición e preparar o terreo para dentro de catro anos, aumentando a experiencia dunha nova, pero experimentada parlamentaria. A dirixente nacionalista pedía facer "historia" en Galicia cun cambio político para situar a unha muller á fronte da Xunta e, aínda que se quedou sen este obxectivo, aspira a que o BNG siga crecendo nos próximos anos.

A portavoz nacional e candidata, que na súa 'estrea' como cabeza de lista en 2016 era considerada polo seus "nova, pero sobradamente preparada", chegou a estas eleccións sendo nai dunha nena e enarborando a bandeira do feminismo e as medidas de conciliación. O percorrido político remóntase á súa adolescencia, cando se afiliou a Galiza Nova e o seu traballo político comezou coas primeiras horas de universidade na compostelá Facultade de Ciencias Políticas.

Militante da Unión do Povo Galego (UPG), o partido político que historicamente fixo valer os seus posicionamentos no seo do BNG, é unha experimentada deputada, desde que en 2001 substituíu no seu escano a Pilar García Negro, e gañouse boas críticas nos debates electorais e parlamentarios co polo momento presidente da Xunta en funcións.

Tras asumir en 2014 as rendas nas horas máis baixas da formación, dirixiu a 'refundación' do BNG e logrou captar unha nova vía de base social coa 'fichaxe' do número 3 por Pontevedra, Alexandra Fernández, que militou en Anova e que foi deputada da antiga En Marea.

Aínda que a súa vida está moi vinculada a Compostela, é sarriá de nacemento e, precisamente, en Chorente, a súa localidade natal, quixo arrincar esta carreira cara ás urnas nas que o BNG centrou toda a campaña nos valores da candidata, que en campaña foi clara ao asegurar que, se Feijóo perdía a maioría absoluta, habería goberno alternativo de "coalición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 nostrus

As eleccions ao Parlamento de Galicia son para mellorar a situacion das personas, agás para esta xentiña que as conciben para definir si somos galgos ou somos podencos. Co bloque no poder non se progresaría nada porque o seu ideario baséase no estancamento cultural, cando o progreso ven da man do intercambio cultural. Ademais a cultura que se encerra en se mesma corre o risco de desaparecer debido ao atraso que xenera. O blque é o principal inimigo de Galicia.

4 El Ciz

É Gamela?

3 Xian do Sil

Ja,ja,ja. Cuánto peloteo. El BNG ya tiene a su Javier Arenas. Ahora es para dentro de cuatro años, ja,ja,ja cuando lleva meses con el cuento de que en 2020 ibamos a tener muller presidente de Galicia, feminista y nacionalistas. Lo que es de admirar es lo bien que se lo monta Pontona para vivir siempre de la política. Pero debería tener en cuenta que la gran mayoría de los gallegos no tenemos nada que ver con las paridas del BNG y que si creció fue gracias al desastre de las Mareas y Podemos en Galicia, junto al pésimo candidato del PSOE. Lo lógico es que ahora el PSOE busque un candidato serio y que para la siguiente se invierta el reparto de escaños entre BNG y PSOE, porque si con una pandemia, sin gobernan en una ciudad y con el gobierno de Madrid en manos de la izquierda, estos no son capaces de gobernar en Galicia, apaga y vámonos.

2 Casilda

Ana Pontón é fume. A garantía de continuidade para un Partido Podre que arrasa. Foto fixa: repite votos e escanos de 2016. A oposición non suma nin xuntos todos! O BNG só recupera o que xa era seu (até 1 escano da suma de 2016 entre PCE-Podemos e BNG vai ao falsário PsoEspañol). Hoxe só os trepas celebran o resultado (e hainos tamén nos "nosos"). Patético!

1 anonimo

¿ E necesario adular tanto, por non dicilo dun xeito menos fino ?

1 FuManChu

Biquiños para ti e para todos eses aos que se lles foi indo a forza polo ollo que non ve: Bernal Calvo delaCiga, eusi e tantos outros.... Bye, Bye....