Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/06/2025 | Actualizada ás 22:00
A guerra de Ucraína, o xenocidio en Gaza, o rearme progresivo do continente e as recentes esixencias de aumento do gasto militar por parte dos Estados Unidos volveron poñer en cuestión o papel internacional de Europa. Fronte a un mundo cada vez máis inestable e multipolar, a Unión Europea semella máis aliñada ca nunca cos intereses xeoestratéxicos de Washington. A súa resposta ante conflitos internacionais clave --xa sexa con Rusia, con Irán ou en Oriente Próximo-- evidencia unha crecente dependencia militar, económica e diplomática, que baleirou de contido o seu tradicional discurso baseado nos valores democráticos e o dereito internacional. No canto de construír unha política exterior propia, Europa actúa, cada vez máis, coma un actor subordinado dentro do eixo atlántico.
Bruno González Cacheda, profesor de Ciencia Política na Universidade de Vigo (UVigo), sostén que esta perda de autonomía está debilitando tanto a posición global de Europa coma a súa cohesión interna. Así, analiza o impacto do conflito de Ucraína nas economías europeas --especialmente en Alemaña--, a dobre vara de medir fronte a Israel e Rusia, a renuncia á saída diplomática negociada e a imposición dun modelo de seguridade ditado dende fóra. Segundo a súa lectura, Europa non só perdeu peso internacional, senón que deixou de defender os intereses reais das súas sociedades en nome dunha estratexia que non lle pertence. "Europa debe priorizar a defensa dos seus intereses, o diálogo e a multilateralidade, así como a defensa do dereito internacional", afirma González Cacheda.
UNHA EUROPA SEN VOZ PROPIA
O conflito entre Estados Unidos e Irán volveu poñer de manifesto a falta de autonomía estratéxica de Europa. Mentres Teherán resposta con contención ao ataque do sábado e Washington recalibra a súa narrativa, os países europeos permanecen aliñados coa axenda estadounidense, sen artellar unha política exterior propia. "Europa está actuando coma un apéndice dos Estados Unidos", afirma González Cacheda, quen considera que o vello continente abandonou a defensa dos seus intereses xeoestratéxicos para asumir un papel subordinado na nova orde global. A posición europea, explica, baséase máis no seguidismo político que nunha lectura estratéxica da realidade. "O seguidismo cada vez é máis explícito, xa sen disimulo", sinala o profesor da UVigo, lembrando como os gobernos europeos seguen comerciando con Israel a pesar do xenocidio de Gaza, mentres aplican unha política de sancións ríxida contra Rusia. "Hai unha dobre vara para medir os conflitos segundo quen sexa o actor implicado", resalta.
ALEMAÑA, A ECONOMÍA SACRIFICADA
Un dos exemplos máis visibles desta subordinación é Alemaña. Bruno Cacheda lembra que o país xermano, motor industrial de Europa, veu como se debilitou o seu modelo económico trala ruptura da subministración enerxética barata que chegaba a través do Nord Stream, sen que tivese lugar unha investigación clara sobre o atentado que destruíu esa infraestrutura. "Alemaña dependía do gas barato e, agora, a súa economía reséntese directamente polo conflito de Ucraína", indica. Esa debilidade afecta a toda a economía europea e, sen embargo, "non se busca unha saída negociada á guerra que permita, por un lado, frear a sangría de mortes e, polo outro, recompoñer a danada economía europea". Os acordos de Minsk, pensados para resolver o conflito ucraíno mediante o diálogo, quedaron en nada, e a UE mantívose fiel á estratexia atlántica. "Non hai unha vía intermedia, Europa simplemente segue a liña de Washington", denuncia o profesor da UVigo.
UNHA ESTRATEXIA SEN ESTRATEXIA
Máis aló da guerra de Ucraína, a UE está avanzando cara un aumento do gasto militar --o famoso 5 % do PIB promovido por Trump-- sen ter unha visión clara de para que se arma. "Estase falando moito de rearmamento, pero sen unha visión estratéxica", advirte González Cacheda. Sen saber cal é o seu lugar no mundo, Europa só incrementa a súa dependencia do poder militar estadounidense. O profesor da UVigo sinala que "ese aumento do 5 % supón un incremento moi grande do investimento dos gobernos europeos" e "os recursos precisos para soster ese aumento en defensa deberán saír dalgún sitio: ou ben dun aumento de débeda pública, coa conseguinte carga de intereses que teremos que pagar entre todos, ou ben de recortes sociais en áreas clave como pensións, sanidade ou educación, que son as partidas de gasto máis voluminosas a día de hoxe". "Veremos ata que punto as sociedades europeas aceptan isto", apunta.
DOS VALORES Á ESTÉTICA BALEIRA
A crise de autonomía tamén se manifesta no plano dos valores. Europa, sostén o investigador, abandonou a defensa dos principios democráticos que adoitaba reivindicar en política internacional. "A cuestión dos valores está a pasar a ser puramente estética", afirma. Xa non se fala dos vínculos coloniais de Francia en África, nin dos dereitos humanos, agás en contextos que conveñen á narrativa dominante. Así mesmo, o seguidismo no xenocidio en Gaza por parte de Israel tamén é unha cuestión a analizar: "É cada vez máis crítico, sen disimulo, seguen comerciando con Israel a pesar das súas actuacións". Na súa opinión, a falta de coherencia entre os valores proclamados e os intereses reais xerou unha crecente desafección cidadá. "A maioría da opinión pública xa ve que hai contradicións moi evidentes", di o profesor da UVigo. As elites europeas --tanto na Comisión Europea como nos gobernos dos distintos países-- seguen apoiando sen fisuras a axenda de Washington, mesmo cando iso vai contra as súas propias economías ou principios.
UN LUGAR NO MUNDO MULTIPOLAR?
Nun mundo cada vez máis multipolar, González Cacheda cre que Europa debería construír unha política exterior autónoma e estratéxica, baseada nos seus propios intereses e valores, e non nos dunha potencia en declive. Aínda que Estados Unidos mantén aínda a súa hexemonía monetaria e militar, o seu papel dominante vese cada vez máis cuestionado. "O mundo está a reconfigurarse, e Europa debería artellar unha estratexia propia", sostén. Só dende esa base, engade o profesor da UVigo, tería sentido falar dun investimento en defensa. Do contrario, Europa limítase a financiar un modelo de seguridade que non resposta ás súas necesidades reais. Por agora, conclúe González Cacheda, o continente actúa máis coma espectador ou executor de decisións alleas que como actor xeopolítico en si mesmo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.