Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/08/2025 | Actualizada ás 15:55
O BNG denunciou que a política "excluínte" da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional "deixa na cuneta" ao alumnado máis vulnerable mediante instrucións e medidas que "recortan drasticamente" os efectivos docentes e os especialistas necesarios para unha atención educativa inclusiva e personalizada.
A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Dávila, advertiu de que as medidas que empezarán a aplicarse no próximo curso supoñen un "ataque final" aos dereitos do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, limitando a atención especializada só a aqueles con discapacidade recoñecida e "deixando fóra" ao resto "en casos moi extraordinarios, forzando ás familias a buscar solucións en centros especiais".
Fernández Dávila sinalou que a Xunta "lonxe de estar preocupada" polos nenos máis vulnerables, "está decidida a recortar" os cadros de profesorado a través dunha "optimicación de recursos sen precedentes" que inclúe, indicou o BNG, aumentar os cocientes ata 28 estudantes por aula en Educación primaria --sen contar ao alumnado con discapacidade--, "eliminar apoios" en Infantil ou "forzar agrupamientos" de niveis non consecutivos con "graves consecuencias pedagóxicas".
Así mesmo, criticou que a Xunta "impulse" a itinerancia do profesorado e que centros con plans de apoio como a Proa+ "non poidan pedir os especialistas" en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe que necesiten. "A Consellería de Educación anula os dereitos do alumnado a unha escolarización inclusiva. O resultado será menos tempo e menor calidade na atención educativa dos máis vulnerables", afirmou a portavoz de Educación do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.