Extinguido o lume de Lousame con 41 hectáreas queimadas e o de Rubiá está estabilizado con 40 hectáreas afectadas

O Ministerio de Transición Ecolóxica informou que colabora en Rubiá cunha brigada de extinción, nove avións e tres helicópteros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2020 | Actualizada ás 10:41

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural informou en Twitter de que o incendio forestal rexistrado en Lousame este venres sobre as 14,50 horas quedou controlado ás 23,27 horas, despois de calcinar unha superficie dunhas 41 hectáreas, das que 38 son arboredos e tres rasas.

O incendio rexistrouse na parroquia de Vilacova e Medio Rural subliña que a medición de 41 hectáreas é provisional ata que se parametrice o territorio finalmente afectado.

No lugar traballaron cinco axentes, dez brigadas, seis motobombas, unha pa, cinco helicópteros e seis avións.

RUBIÁ

En Rubiá foi estabilizado ás 20,32 outro lume forestal que se iniciou sobre as 13,05 horas na parroquia de Pardollán. Afecta o parque natural da Serra da Enciña da Lastra e, segundo as últimas estimacións, a superficie estimada é dunhas 40 hectáreas.

Para o seu control mobilizáronse un técnico, sete axentes, 14 brigadas, catro motobombas, catro helicópteros e once avións.

MEDIOS DO MINISTERIO EN RUBIÁ

O Ministerio de Transición Ecolóxica informou en Twitter que continúa despregando efectivos para axudar ás comunidades na extinción de incendios.

En concreto, dos medios mobilizados, remarcou que colabora en Rubiá cunha brigada de extinción, nove avións e tres helicópteros.

Incendio en Lousame
Incendio en Lousame | Fonte: twitter incendios Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta