Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2020 | Actualizada ás 13:48
O desmantelamento da central térmica de Meirama, en Cerceda, xerará 131.745 toneladas de residuos, segundo o informe de impacto ambiental publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica no Boletín Oficial do Estado (BOE). Do total, a empresa encargada do proxecto, Naturgy, "reutilizará" 68.339 toneladas.
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece na resolución que "non é necesario o sometemento ao procedemento de avaliación ordinaria" do proxecto porque non se prevén "efectos adversos significativos sobre o medio ambiente" e lembra a obrigatoriedade do cumprimento das medidas preventivas establecidas no documento.
Os principais residuos serán "pétreos e metálicos", con 90.295 e 37.063 toneladas, e o documento especifica que "se priorizará en todo momento a valorización fronte á eliminación". O proxecto desenvolverase en tres fases e no cinco áreas nas que se divide o complexo, pechado finalmente o pasado 30 de xuño despois de 40 anos da súa conexión á rede eléctrica en 1980.
TRES FASES
Na primeira fase do proxecto realizarase, segundo o documento, a limpeza de equipos e instalacións e a retirada de illamentos térmicos, cubertas e outros elementos contaminantes. Na segunda etapa, procederase ao desmonte dos equipos industriais e á demolición das infraestruturas. Finalmente, a última fase será de "actuacións de adecuación da parcela".
Durante os traballos, Naturgy, segundo informou ao Goberno central, tomará medidas preventivas para evitar o "arrastre de terras á rede fluvial" como a disposición de sistemas de retención, o control de provisión de materiais ou protección ou as redes de drenaxe, así como evitar movemento de terras en días de choiva.
Sobre contaminación atmosférica e acústica, o proxecto contempla "rega con auga de todas as áreas" para evitar as partículas en suspensión e un "seguimento da calidade atmosférica" tanto para os núcleos poboacionais próximas como no lago das Encobras.
Ademais, segundo o informe, a maquinaria colocarase "o máis afastada posible das vivendas máis próximas" para evitar contaminación e evitaranse os traballos pola noite. O cinco áreas nas que se divide o recinto son as de instalacións auxiliares, de almacenamento, de produción, tratamento de augas e recepción e almacenamento de carbón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.