Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/08/2025 | Actualizada ás 22:28
Galicia viu arder no que vai de mes de agosto 11.500 hectáreas de monte, segundo as estimacións provisionais dadas pola Consellería de Medio Rural. A cifra, marcada por unha vaga de lumes especialmente virulenta, supera amplamente o total da superficie calcinada en todo o ano 2024 e achégase á media dos peores anos da última década. O dato acendeu todas as alarmas, pois non é só un número: son miles de hectáreas de monte, pastos e hábitats arrasados; casas e aldeas ameazadas; veciños evacuados; fauna desprazada ou morta; e unha paisaxe que tardará décadas en recuperarse. A calor extrema, a sequía acumulada e o vento crearon o caldo de cultivo perfecto para a expansión das chamas, pero en demasiados casos as sospeitas apuntan á man humana.
Os datos oficiais recollidos no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2025) debuxan ata agora unha evolución irregular, con picos e descensos pronunciados. No 2015, a comunidade galega perdeu 12.234 hectáreas; no 2016, a cifra subiu a 21.533; e no 2017 alcanzouse un dos máximos históricos recentes, con 62.096 hectáreas arrasadas. A partir de aí, houbo un forte descenso no 2018 (2.599 hectáreas) e no 2019 (6.835 hectáreas), antes de producirse un novo repunte no 2020, con 14.805 hectáreas. No 2021 volveu deixar un balance moderado, con 4.403 hectáreas, pero no 2022 o lume golpeou con forza: 51.642 hectáreas calcinadas, o segundo peor ano do período. A tendencia descendente recuperouse no 2023, con 6.748 hectáreas e, no 2024, rexistrouse o mínimo da serie, con apenas 2.644 hectáreas queimadas.
Este 2025, sen embargo, a situación mudou drasticamente. Os grandes lumes de agosto --como o de Chandrexa de Queixa, que xa leva arrasadas máis de 3.500 hectáreas; ou o de Maceda, con unhas 1.700 hectáreas calcinadas-- dispararon a estatística ata as 11.500 hectáreas en apenas uns días. E aínda que, polo momento, a cifra actual está por debaixo da media da última década, situada nunhas 18.500 hectáreas, todo apunta a que podería alcanzarse --e mesmo superarse-- antes de que remate a campaña de alto risco de incendios, ou mesmo nestas próximas semanas, xa que as condicións climatolóxicas non favorecerán a extinción dos grandes lumes activos na actualidade.
Con moito verán por diante e precedentes recentes de grandes lumes a finais de agosto, en setembro e mesmo en outubro, as condicións climáticas, sumadas á elevada incidencia de focos presuntamente intencionados que se están rexistrando este ano, deixan a Galicia con todas as papeletas para pechar 2025 por enriba do promedio histórico. A campaña deste ano demostra que, aínda que a planificación e a prevención lograsen reducir de maneira notable a superficie media queimada na última década, Galicia segue sendo extremadamente vulnerable a episodios de incendios simultáneos e de grande extensión, sobre todo con condicións adversas e cando, como apuntan as autoridades en varios casos, a man humana está detrás das chamas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.