O Celta Selmark non culmina a remontada fronte o Ensino de Lugo

Un mal primeiro e terceiro cuarto condenan ao Celta. Oliva reactivou ás viguesas que non conseguiron remontar no derradeiro parcial. 80-85 foi o marcador final.

Por gcdeportes | Vigo | 24/02/2013 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

O Celta Selmark recibía no pavillón municipal de Navia ao conxunto Maquinaria Ensino de Lugo. O encontro a primeira volta saldouse cunha vitoria das celestes que sorprenderon na súa viaxe a terras lucenses por 52-55.

O Celta Selmark nun dos seus últimos encontros
O Celta Selmark nun dos seus últimos encontros

As locais saltaron á cancha cun quinteto composto por Alonso, Canella, Oliva, Delgado e Diata. Nos primeiros compases do encontro as viguesas dominaron o marcador, abrindo lixeiras diferenzas, pero ben cedo as visitantes tomaron a iniciativa no luminoso da man dunha imperial Mireia Navarrete, que fixo 14 puntos no primeiro cuarto. 17-27 ó remate do primeiro parcial, defensas escasas e moito acerto ofensivo, principalmente do lado visitante.

No segundo cuarto Lugo mantivo ben a distancia e non deixou en ningún momento que o Celta asexase no marcador. Co gran acerto das luguesas dende o exterior así como unha pouco consistente defensa do Celta, chegábase ao descanso cun 36-45 no marcador.

No terceiro carto o Lugo abriu un gran oco grazas a varias triplas consecutivas e o partido parecía cada vez máis sentenciado, chegando as visitantes a gañar por máis de vinte puntos nalgún tramo do cuarto ante un pavillón silenciado polo acerto ofensivo e defensivo de Mireia Navarrete, que facía sangue nun Celta pouco intenso e descabezado. 

Reacción Insuficiente

Cando todo parecía bastante decidido e que o Lugo administraría ben a súa vantaxe para levarse a vitoria chegou unha forte reacción celeste baixo a batuta de Noelia Oliva. A salmantina púxolle as baterias o seu equipo e o Celta, cun gran parcial no inicio, reduciu a distancia de 15 a 5 puntos en a penas 3 minutos. O acerto da propia Oliva e de Loureiro dende máis aló de 6,25 fixo posible soñar cunha épica remontada.

Navia intentou empuxar ás xoves xogadoras viguesas que chegaron a estar a 2 puntos de poñerse por diante no luminoso, pero, finalmente, a intensidade do encontro cargou de faltas ás locais que non souberon culminar a remontada ante un Lugo o que non lle tremeu o pulso nos derradeiros minutos, e que a base de tiros libre,s deixou o marcador final en 80-85. 

Bonito partido o vivido en Navia no que destacou e foi MVP a ex do Celta Mireia Navarrete cunha actuación tremenda na que acadou os 44 puntos de valoración con 31 puntos e 11 rebotes. No Celta a puntuación estivo bastante repartida, destacando: Oliva (27 puntos 5 rebotes e 4 asistencias) e Cristina Loureiro con 15 puntos (5/6 dende a liña de tres).

Crónica de Nicolás Acebes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta