Ferrín

A demisión de Ferrín provocoume unha sensación moi agre de melancolía e profunda tristeza.

Por Manuel Bragado | Vigo | 26/02/2013

Comparte esta noticia

Admiro e respecto unha decisión tomada dende unha convicción moral e patriótica, na que é probable tamén influíse a decepción sobre as diferenzas existentes dentro da institución centenaria.

A demisión, por moito que nos custe aceptala, non pode agochar os éxitos da xestión modernizadora que encabezou o equipo directivo de Ferrín. Como tampouco se pode esquecer que foi a oportunísima e valente presentación do recurso da Academia contra o Decreto de Plurilingüismo a clave deste periodo no que a entidade intensificou tamén a súa presenza na sociedade galega coma nunca até agora o fixera.

Con Ferrín na presidencia a RAG comezou a estar presente na web e nas redes sociais, apostou pola elección de figuras como Lois Pereiro ou Roberto Vidal Bolaño ou celebrou en colaboración con outras entidades profesionais o cincuentenario do 17 de maio. Como tamén se debe valorar o esforzo tremendo de Ferrín e do seu equipo para colocar a RAG a idéntica altura (orzamentaria) co resto das institucións académicas, coa dignidade que merece a nosa lingua e a nosa cultura.

Non descarto que esta inesperada demisión de Ferrín sexa un síntoma das dificultades dos proxectos culturais e políticos que neste tempo conformista enxergan o futuro e a súa construción colectiva, desprazados polas premuras curtopracistas daqueloutros que o fan apenas polo mañán. Todos os meus abrazos e admiración para Ferrín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA