E todo ía ben

Das películas do director francés Mathieu Kassovitz que teño visto, entre elas “Babylon A.D”, “Gothika”, “Asesino(s)”ou “Os ríos de cor púrpura” quédome cunha das primeiras: “Le Haine” (“O Odio” de 1995) un drama social ambientado nos disturbios, a principios dos 90, sacudiron o suburbio parisino de Les Muguets. Quédome coa historía e quédome coa reflexión que encerra a voz en off coa que comenza e remata a cinta: “É a historia dun home que cae dun edificio de cincuenta pisos. Para tranquilizarse mentres cae ao valeiro, non para de decirse: ata agora todo vai ben, ata agora todo vai ben... ata agora todo vai ben. Pero o importante non é a caída, é a aterraxe”.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 30/07/2020

Comparte esta noticia
A imaxe dese home caendo veume á cabeza a noite do pasado 12 de xullo. Non era a primeira vez que pensaba nela, pero esa noite chegou a aterraxe, o golpe contra o asfalto, logo dunha caida de moitos pisos,  do proxecto político que nos últimos anos tiña representando En Marea. 
 
En maio de 2015 os resultados electorais, sobre todo nas cidades da provincia da Coruña, sorprenderon a medio mundo. Na Coruña e en Santiago de Compostela as candidaturas da esquera alternativa obtiñan as alcaldias logo de ser as mais votadas con arredor dun terzo dos votos. En Ferrol obteñen a alcaldía cun 22%, arrebatándolla a un PP que non consiguia sumar maioría nin co apoio de Cidadanos.
 
A finais dese mesmo ano as eleccións xerais reparan outro hito na historia da esquerda en Galicia: En Marea obtén 6 diputados e dous senadores, un 25% dos votos.
 
Xa en 2016 o proxecto político comenza a mostrar as súas debilidades, por exemplo á hora de fidelizar a súa base electoral ou manter o empuxe organizativo, nas eleccións xerais dese ano, apenas uns meses despois das de 2015, perde un diputado e mais de 60.000 votos.
 
En Marea acada uns resultados moi dignos nas eleccións autonómicas, uns meses despois das xerais, tal vez por debaixo das expectativas duns meses antes, pero situandose como segunda forza no Parlamento Galego. Os equilibrios inestables entre as forzas políticas que a conforman, raiz dos retrasos na confección das candidaturas e na elección do candidato presidencial supuseron un lastre electoral importante. Luis Villares, un xuiz tan brilante como descoñecido para a maioría da poboación, tiña ante sí catro ano para converter a En Marea na alternativa real ao PP de Núñez Feijoó.
 
E comenzou a caida, apenas recontados os votos da última urna. 
 
Ainda o Parlamento non se constituira e xa a actual ministra de Traballo cuestionaba o liderazgo de Luis Villares. Non paga a pena entrar agora a analizar, por sobradamente coñecido, o penoso facer do grupo parlamentario. Si AGE fora unha experiencia para esquecer o espectaculo que brindaron os parlamentarios e parlamentarias da banda de Podemos (denlle a “banda” o seu significado mais miserable) e da banda  de Esquerda Unida (idem de idem co significado que debemos darlle a “banda”) foi simplemente un espermento no que a incapacidade, o infantilismo, a mediocridade, non so nas tarefas políticas, e a querencia pola marxinalidade, combinaron nas peores formas posibles. Podemos, EU e Anova puxerónse a traballar, dende o primeiro día, coa fé que só os fundamentalistas poseen. Pero non no obxectivo de derrotar a Feijoó, senon co de derrotar a Luis Villares (e temos que decir que acadaron sobradamente o obxectivo, cecais o único que fixeron ben. Espero que o lector ou a lectora entendar a retranca).
 
Para Podemos, Anova, Esquerda Unida, e non poucos dos adheridos ás mareas municipalistas de maior peso, todo ía ben.
 
O ano 2019 xa anunciou o que estaba por vir. Nas eleccións xerais En Marea cae de 5 a 2 deputados Nas segundas eleccións xerais de 2019 aínda que mantén as dúas actas deixase polo camiño 50.000 votos. Todo ía ben.
 
En maio de 2019 as liortas entre as distintas faccións e organizacións, o personalismo (agochado sempre baixo discursos e perroratas radicaloides) e a moi mellorable xestión nos concellos que gobernaba, nomeadamente a das cidades, nas que, a diferenza de vilas máis pequenas, imperou o sectarismo sobre o traballo na solucción dos problemas reais da cidadania (moita suposta nova forma de facer política pero poucas noces) conseguiron o que, debemos supoñer, se buscaba... perder as alcaldías. Marea Atlantica e Compostela Aberta caeron, en porcentaxe de voto, de máis do 33% a arredor do 20%. Ferrol en Común pasou do 22% ao 10,71%.
 
Cando se analiza un resultado electoral, positivo ou negativo, movémonos entre dous extremos: que todo o resultado sexa causado por factores externos, ou que todo o resultado sexa causado por factores internos ás propias organizacións. Entre un extremo e outro as combinacións, os pesos relativos duns e outros factores, son infinitas. Acertar ou errar na análise, en detectar os factores determinantes, é a clave para superar unha derrota ou para consolidar un espazo político. Non é tarefa doada, sobre todo porque esixe unha capacidade de crítica, e sobre todo de autocrítica, que non é común nos que por estes pagos se adican á política, e ainda menos entre as fieiras da esquerda alternativa, tan habituados os seus líderes a colgarse medalliñas intelectuais e reclamar para si a infalibilidade que hoxe ata os católicos cuestionan no Papa de Roma.
 
Unhas semanas despois das eleccións municipais, nunha conversa con persoas involucradas nunha desas alcaldías fallidas, todos os argumentos que escoitei, cos que intentaban xustificar os resultados, versaban sobre unha especie de confabulación dos poderes económicos e mediáticos, como si o seu grupo municipal, o seu alcalde,  non foran outra cousa senon meros suxeitos pasivos, como si nada do que eles tiñan feito, e moito do que non tiñan feito, tivera a máis mínima influencia no voto da cidadanía. Estou convencido que noutras cidades estas xustificacións foron tamén abrazadas para exonerarse de calquera culpa. Do cine francés dos noventa á sabeduría popular: non hai peor cego que o que non quere ver, non hai peor xordo que o que non quere oír.
 
Os resultados de hai dúas semanas, ese 3,93% de votos acadado polo remexido de organizacións no que se integraba Podemos, EU e Anova e outros socios menores é o resultado de 60 meses de caída. Mentres caían dicían que todo ía ben. 3,93% dos votos é o resultado de negarse a ver a realidade, o resultado dunha carreira tola e sen freos cara a marxinalidade que chegou á sua meta.
 
Aprender esixe moito esforzo. Aprender das derrotas é doloroso, significa estar disposto a enfrentarse ao espello sen maquillaxe, sen filtros, sen concesións... Significa ser capaz de recoñecer os erros, o que non está ao alcance de todos. Aprender das derrotas significa ser capaz de comprometerse en facer as cousas millor, o que pode significar sacrificios... e tampouco está iso ao alcance de calquera... 
 
Non parece que, hoxe por hoxe, en Podemos, EU, Anova ou moitas das mareas municipais exista capacidade, ou sequera desexo, por aprender. 
 
Rematou a caída. Sobre o asfalto quedou inánime a ilusión que milleiros de galegos e galegas depositaron en En Marea hai catro anos. Non caeu En Marea porque estando no alto, na azotea dese edificio de 50 plantas, tropezara... a En Marea a fixeron saltar... e quenes a empurraron ao baleiro teñen nomes e apelidos. 
 
Quenes queran aprender non deberían esquecer.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.