Daquela, que o PP (que papelón ridículo están facendo cospedales e demais executiva cada vez máis im-popular) despida "en diferido" a un traballador (como lles gusta a estes do PP despedir, mimá) a min persoalmente non me sorprendeu nadiña. E o que vin foi moito escándalo, moita indignación, moita sensación de tomadura de pelo despois de que a secretaria xeral dese tan rocambolesca e singular e incrible explicación, pero, chamádeme insensible, a min non me sorpendeu para nada.
Porque estas persoas son especialistas na, digamos, virtualidade. E digo "virtualidade" para non dicir directamente "mentira".
Por iso, que igual que che explican que despiden pero seguen cotizando ao despido miratí, pois che explican que a economía empezou a mellorar no mesmo día en que sabemos que baixou o IPC. É aquilo que Orwell dicía de que a xente podía crer unha cousa e a súa contraria sen alterarse. Por iso digo que falan dun mundo suposto e, sobre todo, falan dende ao convencemento claro, indubidable, de que o pobo é idiota, parvo en absoluto, que lle faltan fervores e neuronas, que como é menor de idade, hai que tutelalo e dirixilo e gobernalo no senso måis infantilizante da palabra.
Así que a min non me chama a atención nada de nada do que me poidan contar.
E din iso da melloría da economía ou che din, con toda a barba ben peiteada (quen dixo tal cousa hoxe é o Presidente Desaparcido do Goberno), que aínda que a xente estea vendo e recollendo toneladas de chapapote, que o que hai son uns "hilillos de plastinina" de nada, que os que falan doutra cousa menten, esaxeran, disturbian, perturban...que os antidisturbien a boinazos. Tanto tiña que estiveramos vendo o que estabamos vendo, ou que o petróleo se nos metese ata dentro da alma naqueles días de desprestixo. O asunto é que o ministro dicía que non había nada. E había, abofé que había.
Que non, que eu non me sorprendo.
Porque igual que nos dixeron as otras dúas dixéronnos tamén no seu día, un afouto xogador de paddle bigotudo e autor de libros de éxito e abdominais que xa quixera eu, que ademais era o presidente do goberno, que si, que había outro señor de bigode doutras latitudes, dun país con petróleo, que si, que o amigo George (lembrades aquela vergonza do "estamos trabajnadouen eillo"...léase con sotaque texano), que o amigo Tony, cando o convidaran a pasar a finde nas Azores, que o bigotudo petroleiro tiña armas de destrución masiva, e que había que atacar, atacar, atacar, e era unha trola, e sabíano, pero aló fomos igual, e morreron milleiros de persoas pola trola esa, pero que máis dá. E logo houbo uns atentados brutais e ese mesmo home das abdominais duros coma pedras de granito do Porriño, ese mesmo dixo, e era outra trola, que fora ETA e que tiñamos que crer iso porque podía, iso era o que lle quitaba o sono, perder as eleccións duns días despois.
Así que, despois de tanta mentira como levamos aturado, despois de tanto montarnos realidades paralelas onde nada se sostén pero eles non perden o sorriso nin a gomina, que me conten outra, a verdade, non me sorprende en absoluto. Nin en directo nin en diferido.