Tensión en Vimianzo pola moción de censura de PP e PSOE

Os socialistas presentaron o escrito que conta co apoio de concelleiros populares e dos independentes de Vimianzo. As direccións do PSdeG e do PPdeG, en contra da operación. Antelo fala de "moción da corrupción"

Por Ubaldo Cerqueiro | Vimianzo | 04/03/2013 | Actualizada ás 00:03

Comparte esta noticia

Socialistas e populares de Vimianzo chegaron, finalmente, a un acordo para desaloxar do concello ao rexedor nacionalista, Manuel Antelo. Foi o PSOE quen presentou un escrito que propón ao candidato José Manuel Rodríguez, Roque, como novo alcalde vimiancés. Unha moción que conta co apoio dos grupos do PP e de IxVim, a pesar de que a Dirección Provincial do PP vén de mandar un escrito no que non autoriza a moción. Igualmente o PSOE provincial enviou un comunicado rexeitando a moción e avisando de que expulsarán aos asinantes de levarse a cabo.

O alcalde de VImianzo expresouse sobre a mocion apoiado por numerosos vecinos
O alcalde de VImianzo expresouse sobre a mocion apoiado por numerosos vecinos | Fonte: Balbina

Sen os voceiros de PP e PSOE

O escrito vén asinado por 7 concelleiros, ademais do candidato, a súa compañeira Mercedes Vázquez, os 3 edís independientes Manuel Soto, Mónica Rodríguez e Carmen Hermida, ademais dos populares Ramón Santos, recentemente incorporado á corporación, e Juan Carlos Amado. Quedan 2 edís da oposición por asinar, precisamente, os que até agora eran os portavoces da oposición, o socialista José Antonio Miñones e o popular José Manuel Pérez Trillo.

Faise, así, efectiva a moción da que xa se falara a finais de 2011 pero que quedara paralizada. Quedan por coñecerse, aínda, os prazos, se ben o pleno de gran trascendencia terá lugar o 14 de marzo.

“Desgoberno, “prácticas ditatoriais e vengativas”, “escurantismo”, “falta de transparencia e diálogo”, “deixadez de funcións” ao non presentar os orzamentos. Estes son algúns dos argumentos que esgrime o grupo de impulsores da moción comandados por Roque, durante moitos anos número dous de Alejandro Rodríguez ao poder do concello vimiancés.

A gota que colmou o vaso, segundo indican, chegaba no pleno do venres pasado, cando o grupo de goberno amenazaba con levar ante a Fiscalía a actuación dun traballador do concello.

"Moción da corrupción"

Pola súa banda, Antelo cualificou esta operación como a "moción da corrupción", e advertiu de que entre eles hai "imputados" ou persoas que non pagan impostos. Por iso, pediulle ao presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que "dea un paso contra a corrupción e impida" que prospere esta moción de censura.

O rexedor apuntou que xa hai un antecedente xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Asturias que fortalece a idea de que se pode paralizar esta moción en virtude da última reforma da Loreg no que se refire a transfuguismo. Segundo el, este antecedente xudicial di que é argumento suficiente a "suspensión" cautelar de militancia para que os censores sexan considerados tránsfugas. Por iso é polo que Antelo pida ás direccións dos partidos socialista e popular que sancionen aos seus concelleiros. O PSdeG xa anunciou que os expulsará de forma inmediata se continúan coa operación, pero o PPdeG aínda non se pronunciou sobre o futuro dos seus edís se apoian a moción.

O alcalde, emocionado ante a presencia dos veciños, sinalou que a moción é “inxustificable“, espera que “medidas contundentes” dos direccións provinciais dos partidos PP e PSdG. Aproveitou para denunciar que parte dos impulsores da moción son herdeiros das “corruptelas dos últimos 25 anos no Concello vimiancés da man do anterior e imputado alcalde”. E precisamente sobre o caso do traballador expedientado que foi o que incitou á moción, Antelo aseguraba que forma parte do seu proceso de “saneamento democrático” tralos 25 anos do mandato de Alejandro Rodríguez, que consiste en “abrir expedientes disciplinarios contra funcionarios vinculados á familia dos firmantes”.

O BNG vimiancés pensa e artellar un acto pùblico de apoio ao alcalde e rexeitamente á moción o vindeiro sábado, unha semana antes do pleno crucial.

Moción desaprobada polas Provinciais

Malia que dende outubro de 2011 apenas se escoitaba falar de moción, alomenos en foros públicos, semella que estaba moi preparada. Todo estaba pendente da nova Xestora do PP de vimiancés, formada en xullo do ano pasado trala marcha de Carmen Borbujo, pero sobre todo da toma de posesión da súa acta de concelleiro de Ramón Santos, que se facía efectiva só un día antes da sinatura da moción.

As que non tardaron en facer público o seu rexeitamento a esta práctica a todos aspectos legal nesta democracia, foron as delegacións provinciais de Partido Popular e PSdG. Os populares “desautoriza” a moción e asegura que se vai reunir cos edís nestes días. Pola súa banda, o PSOE rexeitaba con rotundidade a moción afirmando que expulsaría do partido aos concelleiros implicados no caso de seguir adiante ca mesma. Ambos partidos indicaron que farían todo o que lles fose posible por evitala, se ben a expulsión do partido non evitaría a moción pois os edías manterían a súa posición como non adscritos.

Chama tamén a atención que haia dous concelleiros de partidos implicados na moción que non a asinasen. De feito, o socialista Miñones aseguraba que “non sabía nada, nin quería saber” da moción.

Os edís que asinan a moción

José Manuel Rodríguez Blanco, Roque (PSOE).

Montserrat Vázquez (PSOE).

Mónica Rodríguez (IxVim).

Manuel Soto, Padronés (IxVim).

Mª Carmen Hermida (IxVim).

Juan Carlos Amado (PP).

Ramón Santos (PP).

Os edís dos partidos implicados que non asinan a moción

José Manuel Pérez Trillo (PP).

José Antonio Miñones (PSOE).

Do xornal colaborador QPC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta