Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2013 | Actualizada ás 11:47
"Por orde da CRTVG e baixo ameza de emprender accións legais, vímonos obrigados a retirar a web da rede". Así se expresa un dos creadores da web Xeración Xabarín, até agora accesíbel no enderezo http://xabarin.org.
Este proxecto naceu no ano 2007 como unha web dos fans deste programa con moita sona entre o público infantil e mozo. "Vendo que a TVG maltrataba sistematicamente un dos seus programas máis emblemáticos, e que era practicamente imposíbel encontrar información sobre o Xabarín Club na Internet, decidimos crear un espazo feito por e para fans", suliña un dos promotores desta web.
Sin promoción oficial
Precisamente e despois da renovación total da web da CRTVG, é moi difícil encontrar nela algunhas informacións básicas. "Por exemplo, as instrucións para facerse socio do clube só podían encontrarse no noso web e non no oficial. Tampouco existe unha conta oficial do Xabarín Club no Twitter, sendo a feita por nós a que interactuaba cos fans e informaba das novas relacionadas co clube", suliña.
Por iso, critica a decisión da CRTVG e lembra que non foi a Televisión de Galicia, senón os seus fans, "quen mantiveron aceso o fenómeno Xabarín estes anos".
Para os nolstálxicos os promotores da web deixaron unha despedida na súa conta de twitter: https://twitter.com/xeracionxabarin/status/309023877860847616
Dereitos de emisión
A través da súa conta de Twitter a CRTVG respondeu a esta polémica agradecéndolle os seareiros do Xabarín o seu soporte. Pero suliña que, a petición da retirada da web foi porque "parte do seu traballo" é "vixiar a propiedade intelectual dos autores". "E neste caso nin nós mesmos temos os dereitos de emisión na Internet de moitos dos contidos compartidos. Podedes estar tranquilos, cada día segue habendo Xabarín na Tvg2 para todos os que o queiran gozar", suliñan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.