Crece a presión para evitar unha concesión "irregular" a unha mina con "elementos radioactivos"

O Sindicato Labrego Galego asegura que o goberno de Feijóo podería estar incorrendo en delitos de prevaricación e falsidade documental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Conforme pasan os dían vanse sumando máis mostras de rexeitamento ó proxecto mineiro Alberta 1, dependente da Dirección Xeral de Minas da Xunta. Primeiro foi a plataforma Ecoloxistas en Acción, á que lle seguiu poucas horas despois Contraminacción. A última organización en adscribirse á crítica do proxecto é o Sindicato Labrego Galego, que, como as entidades anteriores, acusa á Xunta de ter concedido o proxecto sen pasar por un trámite de avaliación ambiental que sería obrigatorio.

Drenaxe aceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe aceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

O proxecto mineiro Alberta 1 leva en marcha dende 2013 e, segundo describen as plataformas críticas, cubriría máis de 1.500 hectáreas nos concellos ourensanos de Beariz e Avión. Segundo apuntan dende o SLG -e como xa denunciaron as outras plataformas- o proxecto orixinal "está fragmentado de maneira fraudulenta para evitar presentar a avaliación de impacto ambiental". En concreto, din, o organismo dependente da Xunta tería diseminado o plano en múltiples partes máis pequenas -en contra da lei- para esquivar o trámite ambiental.

Ante esta situación, o SLG vén de presentar unha batería de alegacións contra a solicitude da empresa Recursos Minerales de Galicia SA para avanzar nos trámites de explotación do espazo. O sindicato -que xa se opuxera ó proxecto mineiro dende os albores do mesmo, en 2013- defende que a explotación "pon en perigo a vida da poboación local e a riqueza forestal e gandeira".

DELITOS DE PREVARICACIÓN E FALSIDADE DOCUMENTAL

Dende a formación destacan a posibilidade de que as consellerías de Medio Ambiente e Industria estean a incorrer "nun delito de prevaricación e falsificación de documento público que favorecería á empresa promotora do proxecto". Neste aspecto, destacan as "irregularidades" das que está "cheo" o proceso administratitivo, entre as que destaca que tanto Avaliación Ambiental como o Servizo de Enerxía e Minas "ditaminasen que a empresa non ten que presentar un informe de impacto ambiental", un trámite que "resulta preceptivo por lei no caso que nos ocupa, podendo incorrer ambos nun posible delito de prevaricación administrativa e/ou prevaricación ambiental, así como de falsidade en documento público, tipificados Código Penal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta